A Industriosa ofrece dúas xornadas formativas sobre IA e sobre reparación de aparellos

mércores, 6 de maio do 2026 S. P.

O centro de experimentación e desenvolvemento maker A Industriosa, emprazado en Vigo, acolle esta primeira semana de maio dúas importantes actividades participativas centradas na IA e en reparación de equipos tecnolóxicos, as dúas co apoio da axencia autonómica AMTEGA.
A primeira sesión será este xoves 7 de maio a partir das 20.00 horas e desenvolverase baixo o epígrafe AI Fundamentals: entende as bases da IA para espremela. Dende A Industriosa sinalan que “todo o mundo fala da intelixencia artificial e cada vez máis xente a emprega no seu día a día, pero para sacarlle realmente partido é importante entender como funcionan as súas bases”.
Nesta charla veranse conceptos clave como o contexto nos LLM, como poden realizar accións, que son as skills, os RAG, os MCP, os axentes e subaxentes, e que se lle envía realmente a un modelo cando facemos unha pregunta.
Será unha charla “pensada para ordenar ideas, entender mellor como encaixan as pezas e aprender a utilizar a IA con máis criterio”, explican dende o centro vigués.
A segunda xornada formativa será o sábado 9 de maio en horario de tarde, de 16.00 a 20.00 e consistirá nunha xeira de reparación e posta a punto celebrada baixo o epígrafe Facendo Cayapa: Repair Café.
A Industriosa lembra que un Repair Café é un espazo aberto onde nos xuntamos para intentar reparar obxectos de forma colectiva: “Non é un servizo técnico ao uso, senón unha maneira de compartir coñecementos, aprender entre todas e todos e alongar a vida das nosas cousas”. Así, as persoas participantes poderán traer pequenos aparellos eléctricos, xoguetes, obxectos domésticos ou calquera cousa que poidas levar baixo o brazo. Teremos ferramentas, materiais básicos e un espazo para traballar en común.
“A idea é que participen na reparación, aprendan como se fai e, cun pouco de sorte, consigan devolverlle a vida a ese obxecto que xa dabas por perdido”, sinalan dende A Industriosa.