A Praza de Abastos de Ourense renova imaxe coa axencia Toxo
mércores, 29 de maio do 2024
- David Dopazo, fundador da axencia ourensá Toxo
A Praza de Abastos de Ourense vén de renovar a súa imaxe cun novo logo, unha nova web e unha estratexia de comunicación que conforman a nova identidade de marca dende este mes de maio que xa chega ao seu fin. Detrás desta renovación atopamos a Toxo Comms Agency, a axencia ourensá especializada en estratexias de comunicación.
Indo aos cambios, dicir que o novo logo, de corte minimalista, reforma e retira elementos do actual símbolo da Praza, sen deixar de reflectir a esencia histórica do lugar, ao mesmo tempo que proxecta
unha ollada cara o futuro. Inspirado no icónico edificio proxectado por Manuel Conde Fidalgo, actualmente en renovación, este novo emblema promete ser moi recoñecíbel para a cidadanía.
David Dopazo, fundador de Toxo, quixo amosar a súa satisfacción por esta colaboración: "É unha honra traballar con marcas con tanta historia e adicadas a ofrecer produtos de tan alta calidade, xa que a alta calidade é un distintivo da provincia". Asemade, quixo salientar o compromiso da Praza coa innovación en materia de comunicación.
Tradición e modernidade foi a premisa escollida por Toxo, para construír a comunicación da, case centenaria, Praza de Abastos. Unha premisa que dá título a un novo manual de identidade corporativa enfocado na calidade e exclusividade das súas materias primas e que se asenta sobre a historia da capital ourensá.
Alén do logo, introdúcese unha liña gráfica elegante que aplica cambios a nivel tipográfico, iconográfico e cromático. Exemplo diso son o Azul OU e o Vermello OU, dúas das cores que compoñen a nova gama e que ligan á Praza coas tonalidades da cidade e a provincia.
Os cambios van acompañados dunha estratexia de comunicación en redes sociais, enfocada no consumo sustentábel e na alta calidade dos produtos autóctonos e de Km 0 que achega a Praza.
Engadir que a Praza de Abastos de Ourense conta xa cunha nova web que pon a disposición do público os contactos de todos os postos que acolle e a súa axenda de actividades e un blog que recolle receitas galegas, que se poden preparar con ingredientes frescos mercados na Praza, e indica en que postos adquirilos.
Vídeo no que dan conta do cambio de imaxe da Praza de Abastos de Ourense