A TVG estrea un programa sobre a busca de parella a través da Internet
mércores, 22 de xullo do 2015
No ano 2011 botou a andar unha startup compostelá chamada Twin
Shoes, que emerxía como unha páxina web para a procura de parella estable,
para o que se elabora un coidado perfil de cada usuario e permítese tamén a
definición de filtros sobre o tipo de parella que se busca, conseguindo
localizar afinidades para que os participantes nesta plataforma poidan
comunicarse e explorar se poden levar a súa experiencia ao mundo real. Esta
proposta resultou bastante atractiva dende o comezo, e xa nos seus primeiros
pasos conseguiu o recoñecemento como Mellor
Start-up Galega dos Premios Innova-G 2011 (outorgados por AGESTIC) e
confirmándose a boa andaina do proxecto co I
Premio Innova 2014 anos despois, deixando claro que non estamos ante a flor
dun día, senón nunha iniciativa empresarial que ten un obxectivo ben definido e
unha función social que cada día goza de maior aceptación.
De feito, non quixeron deixar a cousa aí, e o ano pasado
sorprenderon lanzando unha aplicación móbil chamada Cómo Saber si le gusto, que podemos descargar de balde de Google
Play, e que axúdanos a comprobar co noso smartphone o grao de atracción que
temos con outra persoa interpretando sinais nunha mensaxe de WhatsApp, nunha
chamada ou na linguaxe non verbal cando temos preto a esa persoa. A aplicación
pode considerarse todo un éxito, xa que superou as 100.000 descargas en pouco
máis dun ano, resultando rechamante o feito de que sumou máis descargas dende
México que dende España.
Collendo estes alicerces, dende Adivina Producciones
decidiron cimentar un programa de televisión que mañá ás 23:45 horas inicia as
súas emisións na Televisión de Galicia, Amor na Rede, conducido
pola fundadora de Twin Shoes, Itziar
Villar, con quen falamos sobre este novo proxecto, e comentounos que “o que
facemos é que a xente vexa que buscar parella a través da Internet ao principio
é diferente, pero despois realmente é o mesmo que cando coñeces a unha persoa
nunha cea ou cha presenta algún amigo”.
Para ilustrar a aventura de buscar o amor na Internet, no
programa levan da man aos participantes (captados en liña en moitos casos), conducíndoos
a establecer un primeiro contacto a través da Rede, recibindo tamén
asesoramento neste ámbito: “Axudámoslles a facer un perfil atractivo, dámoslles
algúns consellos para a foto, como facer a presentación, que hai que ser
sincero (porque realmente se queres alguén afín a ti non poñas que es como
outra persoa, porque non o vas atopar)... Despois, o que facemos no programa,
unha vez que esas persoas afíns se atopan, é pór todo da nosa parte para que
xurda o amor ou que nun breve tempo saiban se esa parella despois pode seguir
coñecéndose ou non”, comenta Itziar Villar, quen engade que “estamos a ter
sorpresas, cousas moi bonitas e boas experiencias”.
O programa dirixido por Jorge Algora sitúa ás parellas
protagonistas en 15 escenarios durante 50 minutos de televisión, someténdoos a
xogos, experiencias, intrigas... facendo que a experiencia do namoramento sexa
divertida para os participantes e para o espectador. Estamos ante un formato
audiovisual que conseguiu combinar procesos de selección, entrevistas, probas
de convivencia e compatibilidade profesionais, que demostran a súa eficiencia
en vivo e animando ás persoas que están ao outro lado da pantalla a desbotar
certos tabús sobre a busca de parella a través da Internet, tópico sobre o que
a fundadora de Twin Shoes comenta que “agora parece que a xente xa non ten
tanta vergoña a admitir que busca parella na Internet, porque xa levamos moitos
anos con xente que o está a facer.
O bo é que agora o utilizan todo tipo de
usuarios: tamén temos no programa e podemos ver en Twin Shoes dende xente de
sesenta e moitos anos até rapaciños de dezaoito. Os máis novos están menos
neste tipo de páxinas de busca de parella estable, porque no seu ambiente teñen
máis posibilidades de atopar xente que aínda non teña parella. Creo que é unha
ferramenta moi interesante, sobre todo a partires dos trinta e pico”. Villar
tamén salientou o feito de que as persoas que non se poden enmarcar “na
xeneralidade” grazas ás ferramentas en liña teñen máis doado localizar persoas
afíns, o que no pasado resultaba moito máis complexo.
A esencia desta evolución social podería entenderse como que
“a xente quere estar acompañada e todas as ferramentas que lles podemos dar
para que atopen o amor as van coller encantados”, segundo asegura Itziar
Villar, quen confía que o novo espazo da TVG, Amor na Rede, poida converterse no Cupido galego, nunha sorte de
celestina dixital que animará as emisións da Galega durante os meses de verán.