A UDC crea a Rede de centros e unidades de I+D+i para potenciar a investigación e a competitividade
xoves, 2 de febreiro do 2023
- Salvador Naya, vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia; Julio Abalde, reitor, e Fausto Infante, director estratéxico da Rede de centros e unidades de I+D+i da UDC
O reitor da
Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o vicerreitor de Política Científica,
Investigación e Transferencia, Salvador Naya, presentaron
esta mañá a Rede de centros e unidades de I+D+i da UDC, recentemente
constituída co obxectivo de reforzar as estruturas dos centros de investigación
existentes de forma que se potencie a investigación e a competitividade dos
mesmos.
Este Rede,
dependente da Vicerreitoría de Política Científica, Investigación e
Transferencia, ponse como obxectivos o impulso da captación e retención de
talento investigador, a mellora das capacidades investigadoras dos centros de
investigación, especialmente en contextos internacionais, e a exploración de
novas fontes de financiamento públicas e privadas. Ao fronte da Rede estará
como director estratéxico, Fausto Infante Roura, que era xefe do Servizo de
Investigación da sección de I+D da Consellería de Educación.
O reitor explicou
que a finalidade desta rede é “crear un ecosistema que favoreza o traballo dos
nosos investigadores e alivie as cargas administrativas e burocráticas da
xestión da investigación alleas á UDC, necesarias polos requirimentos das entidades
financiadoras”.
Abalde sinalou
tamén que a UDC foi a primeira universidade galega en adaptar os seus centros
de investigación á nova normativa autonómica e agora é tamén pioneira en crear
este tipo de rede, consecuencia “lóxica” do desenvolvemento dos centros e
unidades de investigación existentes na UDC. “Trátase de establecer unha
estrutura de coordinación e sumar esforzos”, resumiu.
Para o
vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, esta Rede
fomentará e potenciará a actividade que se desenvolve nos centros de
investigación da UDC nun contexto en que “cada vez é máis necesaria a
interacción entre si e con outros centros doutras universidades”.
Nesta liña
apuntou o novo director da Rede, “a investigación actual cada día é máis
esixente” dándose o paradoxo de que por un lado se pide que o coñecemento sexa
cada vez máis especializado e, polo outro, que sexa transversal. “A Rede aporta
ese plus que busca a UDC, que sexa máis especializado e transversal”,
manifestou aclarando que “non é un conglomerado de centros senón que é un
sistema de gobernanza propio para impulsar accións concretas”.
A Universidade da
Coruña conta co Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría
Civil (CITEEC); Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as
Comunicacións (CITIC); Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA); e
o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI); así
como co Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga;
Instituto Universitario de Estudos Irlandeses Amergin; Instituto Universitario
de Estudos Marítimos; Instituto Universitario de Medio Ambiente e o Instituto
Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, ademais os campus de
especialización Innova, Sustentabilidade e Industrial.