A UDC e Telecon formalizan a creación da Cátedra Handytronic

mércores, 15 de novembro do 2017 Redacción

Finalmente, tal e como avanzamos onte en Código Cero, formalizouse oficialmente na UDC a creación dunha nova cátedra destinada á formación, investigación e colaboración arredor do amplo potencial da informática no achado de novos xeitos de combater doenzas e mellorar a calidade de vida das persoas. Estamos a falar da Cátedra Handytronic, que vén da man da Universidade da Coruña e o Grupo Telecon e que hoxe recibiu un importante pulo coa formalización do convenio entre as dúas entidades que a fai posíbel. No acto participaron Julio Abalde, reitor da UDC, e Jacobo Penide, director xeral de Grupo Telecon.
Na presentación, celebrada na sede da Reitoría, participou tamén Salvador Naya, vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Luis Hervella, decano da Facultade de Informática, centro ao que queda adscrita a cátedra, e Javier Pereira, que será o seu director.
Segundo se fixo saber, os obxectivos da nova cátedra son “a colaboración na docencia na Facultade de Informática da UDC e, de xeito especial, no Mestrado de Bioinformática para Ciencias da Saúde; o desenvolvemento de actividades que permitan crear espazos de debate e difusión da actividade docente e investigadora, e a promoción de actuacións que estimulen o talento dos estudantes e faciliten a súa incorporación ao mundo laboral”.
Nun plano máis concreto, a UDC e Grupo Telecon realizarán de maneira conxunta actividades e proxectos nos ámbitos da investigación, a transferencia de coñecemento, a formación e a divulgación. Máis polo miúdo, está previsto colaborar en investigación, cooperar para lograr proxectos no ámbito galego, español e europeo, promover encontros e redes estatais e internacionais de expertos, cooperar en mestrados e outros estudos de posgrao, deseñar e impartir programas de formación permanente, patrocinar bolsas ou formar emprendedores de iniciativas de alicerce tecnolóxico.
O reitor inseriu esta iniciativa dentro do marco de especialización dos campus da Coruña, concretamente no Campus Innova, que é a aposta da Universidade da Coruña polo sector dixital. Segundo dixo, “Esta Cátedra supón o apoio decidido á especialización no mundo dixital, sobre todo o aplicado ás ciencias da saúde, sector que terá un amplo desenvolvemento no futuro”.
Pola súa banda, Jacobo Penide dixo que o Grupo que representa, grazas a esta colaboración, “dá un chimpo adiante na súa aposta pola intelixencia artificial e a neurociencia para o desenvolvemento de solucións que favorezan a calidade de vida de persoas con diversidade funcional, promovendo ademais o diagnóstico precoz da deterioración cognitiva”. Esta visión, dixo, materialízase comercialmente na creación da marca Handytronic, firma que comercializa un amplo catálogo de solucións de mobilidade para persoas con diversidade funcional, ao tempo que impulsa proxectos de investigación neste eido que contan xa coa participación da Facultade de Informática e máis do Mestrado de Bioinformática para Ciencias da Saúde da UDC.

PUBLICIDADE