A UNESCO inscribe o programa Ponte...nas Ondas! no seu Rexistro de Boas Prácticas
xoves, 1 de decembro do 2022
Ponte...
nas Ondas!, a candidatura conxunta de Galicia e Portugal, acadou
un importante recoñecemento en Rabat: a
súa inclusión no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda do
Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO, unha distinción que só
obtiveron este xoves 1 de decembro catro propostas a nivel
internacional. Como lembraremos, Ponte... nas Ondas! é unha
iniciativa compartida de dous países irmáns, Galicia e Portugal,
para preservar os seus tesouros inmateriais a través das novas
canles de difusión, poñendo o foco en formatos innovadores e
colaborativos (principalmente podcast, espazos web, audiovisuais ou
redes sociais, entre outros).
A
decisión foi aprobada este 1 de decembro no 17 Comité
Intergubernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural
Inmaterial en Rabat (Marrocos), onde o conselleiro de Cultura e
Educación, Román Rodríguez, encabezou a delegación galega
acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del
Carmen Martínez. Rodríguez celebrou como “un gran logro para
Galicia a entrada do programa educativo Ponte...nas Ondas! no
Rexistro de Boas Prácticas da UNESCO”. Trala votación positiva da
proposta conxunta de Galicia e Portugal, o responsábel autonómico
de Cultura destacou que “a decisión supón un gran triunfo para
todos os galegos e para o noso sistema educativo, xa que unha
iniciativa nacida nas aulas galegas será un exemplo para todo o
mundo”. Amais, deu os parabéns aos promotores “polo traballo ben
feito” e engadiu que isto é “un éxito seu e un recoñecemento
ao traballo feito por todos os profesores e alumnos que ao longo de
27 anos participaron nesta iniciativa”. O conselleiro tamén
salientou que se trate da primeira vez que Galicia recibe este
recoñecemento por parte da UNESCO.
Rodríguez
engadiu que o proxecto distinguido é tamén “un exemplo de
convivencia en zonas transfronterizas” e “pode servir para
mellorar o entendemento en rexións en conflito”, tal e como
resaltou a UNESCO no eloxioso informe que emitiu previamente á
avaliación. Así mesmo, tamén agradeceu a implicación dos
embaixadores de España e Portugal na Unesco, José Manuel Rodríguez
Uribes e Rosa Batoréu, e do director xeral de Belas Artes, Isaac
Sastre e do resto de altos cargos do Ministerio de Cultura e Deporte
na tramitación deste expediente.
Ademais dos representantes da Xunta de Galicia, neste encontro mundial en Rabat tamén participaron por parte de Ponte...nas Ondas! Santiago Veloso, profesor e coordinador da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas!, que agradeceu no Comité a inscrición; Chus Álvarez, profesora; Dolores Gómez, portadora; Xerardo Pereiro, profesor e antropólogo; Esmeralda Carvalho, profesora; Xerardo Feijoo, profesor; João Manuel Gonçalves, portador, e Álvaro Campelo, profesor e antropólogo.
Un modelo de ensinanza referente
O programa Ponte... nas Ondas!, impulsado pola asociación cultural e pedagóxica co mesmo nome que coordina o profesor Santiago Veloso, naceu hai 27 anos nos centros educativos do sur de Pontevedra e do Alto Minho e desde entón non deixou de medrar co obxectivo de salvagardar o patrimonio cultural inmaterial na fronteira portuguesa-galega mediante a creación de espazos nos que o patrimonio pode practicarse e transmitirse ás xeracións máis novas.
O proxecto é unha iniciativa transfronteiriza que promove o intercambio lingüístico entre centros de ensino da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Ten o apoio tamén da Secretaría Xeral de Política Lingüística (Consellería de Cultura), de cuxa colaboración teñen abrollado iniciativas como o Certame de Podcasts en Galego Xosé Mosquera Pérez (O Vello dos Contos) ou outras iniciativas que poñen o foco nas novas ferramentas dixitais.