A USC acolle o 10 de xuño a nova edición do Foro ALIA de tecnoloxías da linguaxe
martes, 2 de xuño do 2026

- A Casa Europea o Centro de Estudos Avanzados en Santiago (USC)
O vindeiro 10 de xuño de 2026, a Universidade de Santiago de Compostela acollerá a segunda edición Foro ALIA Tecnoloxías da Linguaxe e Industria, impulsado polo Proxecto Nós no marco da iniciativa ALIA.
Tras a primeira edición celebrada en decembro de 2025, este encontro consolídase como un espazo estratéxico de colaboración entre a universidade e a industria para impulsar o desenvolvemento e a adopción de tecnoloxías lingüísticas baseadas en Intelixencia Artificial, con especial atención ao galego.
Durante a xornada presentaranse os casos de uso sobre modelos de linguaxe en galego desenvolvidos polas empresas seleccionadas na chamada á colaboración desde a empresa. Ademais, celebrarase unha mesa de debate aberta na que se abordarán os retos, oportunidades e formas de aplicación das tecnoloxías da linguaxe dende a empresa e a industria.
A cita desenvolverase en horario de 11.30 a 14.30 horas no Centro de Estudos Avanzados (CEA), Parque de Vista Alegre, Santiago de Compostela.
No seu marco daranse a coñecer os últimos avances en intelixencia artificial aplicada á lingua e exploraranse novas oportunidades de colaboración entre o ámbito académico e o sector produtivo.
ALIA é unha iniciativa pioneira na Unión Europea que busca dotar dunha infraestrutura pública de recursos de IA, como modelos lingüísticos abertos e transparentes, para promover ou fomento do castelán e das linguas cooficiais (catalán e valenciano, vasco e galego) no desenvolvemento e implantación da intelixencia artificial no mundo.
Programa Foro ALIA
11:30h. Recepción de asistentes
12:00h. Benvida e presentación de ALIA – Proxecto Nós
Elisa Fernández | ILG
Senén Barro | CiTIUS
12:15h. Recursos ALIA / ALIA KIT
Marcos García | Presentación de avances
Breixo Tomé | ALIA KIT e páxina web
12:45h. Proxectos en colaboración coa industria
Paulo Gamallo | Chamada á colaboración dende a empresa
13:00h. Proxectos seleccionados en execución
Diego Vázquez, de Imaxin
Mateo Bodenlle, de OSIX
Manuel Torres, de Dimensiona
13:30h. Debate
Rubén Cela | Moderación
14:15h. Clausura
14:20h. Petiscos
Casa de Europa | Parque de Vista Alegre
Proclama polo galego na IA
O Proxecto Nós, proxecto impulsado pola Secretaría da Lingua e materializado pola USC para reforzar a presenza do galego na tecnoloxía dixital (impulsando o desenvolvemento de recursos lingüísticos, modelos de intelixencia artificial e ferramentas que permitan o seu uso natural en contornas actuais e futuras), comezou o ano facendo unha chamada á colaboración empresarial no marco de ALIA.
Trátase dunha proclama dirixida empresas e entidades interesadas en participar na ideación, deseño e desenvolvemento de casos de uso que apliquen os recursos derivados do Proxecto Nós ao longo de todas as súas fases de execución.
Poden participar firmas e entidades cun produto, un servizo, unha aplicación ou unha idea para seren desenvolvidos/as en galego. “Poderán beneficiarse do noso apoio e recursos para o desenvolvemento de casos de uso baseados en tecnoloxías lingüísticas e IA en galego”, explican dende o equipo de Nós.
O Proxecto Nós ten como obxectivo situar o galego canda as linguas máis desenvolvidas no ámbito da tecnoloxía da lingua e da intelixencia artificial, mediante a creación de infraestruturas básicas como corpus abertos, modelos de linguaxe, tradutores automáticos, recoñecedores de voz e sistemas de síntese. Ademais de garantir os dereitos lingüísticos da comunidade galegofalante no mundo dixital, a iniciativa contribúe á modernización do tecido empresarial e á creación de novos produtos e servizos baseados no uso do galego en contornas tecnolóxicas avanzadas.
