A USC e Gradiant traballarán en proxectos TIC conxuntos e impulsarán a súa transferencia

luns, 20 de novembro do 2017 Fernando Sarasketa

Impulsar proxectos tecnolóxico-dixitais conxuntos e achandar o seu camiño cara as nosas empresas. Este é o gran obxectivo do acordo de colaboración científico-tecnolóxica asinado hoxe entre a Universidade de Santiago e o Centro Tecnolóxico Gradiant, un acordo que non é novo (xa comezou hai un tempo dando froitos nos campus) pero que estrea novos impulsos e afianza, por así dilo, o chan sobre o que se asenta. No acto de sinatura, celebrado hoxe na Reitoría da USC (Colexio de San Xerome), participaron o reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño, e o director xeral da Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), Luis Pérez Freire, amais de Paulo Félix Lamas, director do Centro Singular en Tecnoloxías da Información da USC (CiTIUS), e o xerente de Gradiant, Fernando Jiménez. Entre outras cousas, lembraron a colaboración xa está a dar froitos concretos, como por exemplo unha tecnoloxía que vai permitir detectar obxectos en vídeo a moi longa distancia.
Durante o acto, Luis Pérez Freire explicou as razóns dos roteiros conxuntos coa USC e fixo un breve percorrido pola traxectoria de Gradiant, unha andaina de nove anos impulsando o desenvolvemento de máis de 250 proxectos diferentes de I+D+i e, no plano docente-laboral, achegando formación en prácticas a máis dun centenar de estudantes (boa parte dos cales ficou no centro, pasando outros a formar do noso tecido industrial máis avanzado e innovador). Tamén fixo fincapé na arela de Gradiant de achegar tecnoloxías punteiras ás empresas, o seu obxectivo fundacional (o que se coñece como transferencia tecnolóxica, un factor determinante para o incremento de riqueza e competitividade entre as nosas empresas). Segundo apuntou, o acordo asinado coa USC alíñase plenamente con este obxectivo fundacional de Gradiant, unha “razón de ser” que se verá fortalecida coa entrada en xogo do CiTIUS, en palabra de Pérez Freire “o mellor socio co que podíamos contar para esta misión”. Ao seu xuízo, a presenza do CiTiUS contribuirá, e moito, á conversión de proxectos en realidades, achegando talento galego para “materializar iniciativas de I+D en tecnoloxías tanxíbeis para o mercado”
Por outra banda, director xeral de Gradiant, avanzou algúns detalles do proxecto de tele-vixilancia que vai desenvolver conxuntamente coa USC e mailo CiTIUS, “un proxecto made in galicia”, dixo, centrado en tecnoloxías de vídeo-analítica para o achado de algoritmos que permitan detectar obxectos en vídeo a moi longa distancia. Isto, sinalou, conseguirase a través de técnicas de redes neurais profundas, respondendo o resultado final do traballo conxunto a unha demanda crecente do mercado no que a servizos intelixentes de analítica de vídeo se refire, con potencial para labores de seguridade (cousas como a localización temperá de ataques con drons) ou para a resolución de traballos de emerxencia (lumes forestais) ou rescates (recuperación de persoas no mar).
Pola súa parte, o reitor aproveitou para agradecer a vontade de colaboración de Gradiant e mailo seu compromiso coa transferencia tecnolóxica. Tamén lembrou que o acordo asinado é “un instrumento que facilitará e regulará accións de promoción e difusión TIC, a realización de teses ou o desenvolvemento conxunto de proxectos”.
No acto participaron tamén os integrantes do padroado de Gradiant, José L. González Carnero e José L. Albo.

Investigación e colaboración
A sinatura deste acordo facilitará o traballo conxunto no desenvolvemento de proxectos de I+D, favorecendo a transferencia dos resultados obtidos ao sector industrial, mediante a organización de xornadas técnicas ou o acceso a demostradores tecnolóxicos e probas de concepto. Tamén se fará fincapé na dirección conxunta de teses doutorais e de estadías de investigación dos profesionais de ambas entidades, permitindo “o intercambio de coñecemento e a xeración de valor en tecnoloxías crave dentro do ámbito das TIC, nun contexto global de dixitalización da industria e a economía”.
Segundo fixo saber Paulo Félix, “esperamos que este acordo contribúa a dotar de maior proxección no tecido socioeconómico os nosos resultados científicos”. Para o director do centro de investigación da USC, o obxectivo é que Gradiant e o CiTIUS convertan en realidades cotiás algúns resultados científicos que “xa demostraron ser os mellores a nivel mundial, pero aos que aínda lles falta o último elo da cadea tecnolóxica para transformarse en aplicacións reais”.

PUBLICIDADE