A UVigo e o CiTIUS traballan nun proxecto para optimizar a sustentabilidade dos alimentos: SOS Food

venres, 1 de marzo do 2024 S. P.

Baixo o gran desafío mundial de producir alimentos máis ecolóxicos, sustentables e de produción máis eficiente (alimentar o mundo con menos), púxose en marcha este venres 1 de marzo un novo proxecto de investigación a nivel europeo financiado polo Programa Marco Horizonte Europa da Comisión: SOSfood. Trátase dun consorcio no que participan 17 entidades de todo o continente baixo a dirección da Universidade de Vigo, e que conta coa destacada participación do CiTIUS da USC. Búscase pór en común as capacidades de distintos actores do sector para contribuír á sustentabilidade do sistema alimentario (agricultura, pesca e gandería) no marco do Espazo Común.
O proxecto xorde da colaboración entre a Universidade de Santiago, o hub de innovación dixital Datalife e a Universidade de Vigo, institución que coordina o proxecto a través do Grupo de Investigacións Agro-ambientais e Alimentarias dirixido polo catedrático Jesús Simal Gándara. O investigador, adscrito tamén ao CISPAC (un centro interuniversitario de USC, UDC e UVigo), salientaba este venres a relevancia de SOSfood no contexto actual: “As manifestacións de agricultores en contra da Axenda 2030 destacan a importancia de involucrar a todas as partes interesadas, incluídos os propios agricultores, na elaboración e implementación de políticas relacionadas coa agricultura e o medio ambiente”. Por iso, engade, “é crucial atopar un equilibrio entre a necesidade de protexer o medio ambiente e promover prácticas agrícolas sostibles, á vez que se brinda apoio e asegúrase a rendibilidade da actividade agrícola, gandeira e pesqueira”.
Partindo desta premisa, SOSFood centrará os seus esforzos en utilizar o potencial das tecnoloxías de explotación de datos e a Intelixencia Artificial (IA) para proporcionar unha imaxe precisa e global do sistema alimentario europeo, promovendo así o desenvolvemento de ferramentas preditivas. O tratamento dos datos e o procesado da información con técnicas de IA será responsabilidade do equipo do CiTIUS, que achegará ao proxecto a súa dilatada experiencia no campo, baixo a dirección do investigador Paulo Félix Lamas. O obxectivo último é axudar a que as distintas partes implicadas na cadea alimentaria poidan tomar decisións ben informadas, poñendo o foco en involucrar a tódolos elos da cadea de valor: produción, transformación, distribución, venda, consumo e xestión de residuos.
Reunión de arranque no CiTIUS
Os responsables das institucións membro reuníronse este 1 de marzo na cidade de Santiago de Compostela (España) para participar na reunión de lanzamento do proxecto. O encontro tivo lugar nas instalacións do CiTIUS. Así arrincaba SOSfood, unha iniciativa ambiciosa “que busca utilizar a IA e a explotación de datos para proporcionar unha visión integral do sistema alimentario do continente”.
A nova proposta, explicaron fontes do CiTIUS, “constitúe un esforzo sen precedentes da UE para abordar a crecente emerxencia ambiental e transformar a cadea de valor alimentaria en Europa, e foi valorada pola Comisión como o mellor proxecto de todos os presentados”.
O obxectivo central de SOSfood é utilizar a tecnoloxía de IA e a explotación de datos para promover a toma de decisións mellor informadas, fundamentadas en nova evidencia científica; decisións que, en última instancia, transformen a cadea alimentaria e poidan encamiñala cara á sustentabilidade e a eficiencia. A iniciativa recoñece “a necesidade urxente de intervir no sistema alimentario para facelo máis produtivo, inclusivo, sustentable e resiliente, dada a actual situación de emerxencia ambiental”. Trátase de prover de información relevante a todos os actores implicados, incluídos os consumidores, para facilitarlles a toma de decisión sobre os produtos alimentarios do mercado.
O proxecto realizará unha análise multidisciplinar do sistema de alimentación, involucrando a expertos europeos en saúde, nutrición, economía, medioambiente e saúde. Os resultados do proxecto van dirixidos a todos os actores da cadea de valor, e de maneira importante, ao consumidor final, xunto cun conxunto de recomendacións baseadas na evidencia científica, que están dirixidas a orientar as futuras políticas da Unión Europea.
Ademais das dúas universidades galegas implicadas, o consorcio conta coa participación doutros 15 socios, entre os que figuran outras universidades e hubs de innovación dixital, empresas, organizacións non gobernamentais e organismos gobernamentais de toda Europa.
SOSFood levará a cabo tres estudos de casos de uso en tres escenarios europeos distintos: Galicia (representando un ámbito rexional); Atenas (un ámbito metropolitano); e Lituania (un ámbito nacional), co obxectivo de validar a viabilidade e representatividade dos métodos de análises e os algoritmos desenvolvidos. Será o colofón a unha iniciativa que se presenta como un fito significativo na procura de solucións saudables, e a prezos xustos, para os desafíos alimentarios globais, promovendo a colaboración entre diversos sectores e utilizando a tecnoloxía para abordar a complexidade do sistema alimentario europeo.