A UVigo lidera un proxecto para achar lixo litoral con drons e procesado de imaxes
xoves, 9 de febreiro do 2017
A
Universidade
de Vigo concorre con tres propostas de proxectos na convocatoria Blue
Labs: innovative solutions for maritime challenges, unha
iniciativa europea que distingue as achegas científico-tecnolóxicas
que contribúan ao medre do que se coñece como Blue Growth,
o crecemento azul, unha estratexia a prol do sustentable para os
sectores vencellados ao mar, que ao abeiro desta estratexia son
considerados prioritarios para a economía da UE. Os tres proxectos
con participación viguesa, que forman parte dunha listaxe de só
catro iniciativas “finalistas”, abranguen cuestións como o uso
de tecnoloxías de vehículos aéreos non tripulados (UAV ou drons) e
recursos de procesado de imaxes para achar lixo en praias ou zonas
litorais; a integración e posta en marcha dun laboratorio para
desenvolver para desenvolver solucións eficaces contra a
contaminación mariña; e máis a identificación de compostos de
interese para a industria farmacéutica e alimentaria nas macroalgas
invasoras. Os proxectos seleccionados recibirán financiamento do
Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEAMP). A convocatoria ten un
orzamento de 1,7 millóns.
Fernando
Martín, Ana Bernabeu e Celia Olabarría son os encargados de
coordinar a participación viguesa en cada un dos tres proxectos:
LitterDrone, SpilLess e Amalia, respectivamente. Polo que atinxe ao
primeiro, LittleDrone, é o único liderado pola Universidade de Vigo
(o resto están “participados”). Concorren nel dous grupos da
institución educativa viguesa xunto coa Asociación Española de
Basura Marina e Grafinta SL, unha empresa de material topográfico,
incluíndo UAV. O obxectivo do proxecto, cun orzamento total de
392.657 euros e dous anos de duración, “é aplicar tecnoloxías
actuais, como a obtención de imaxes dende drons e procesado dixital
das mesmas, para axudar ao control e limpeza do lixo nas costas”,
explica o profesor Fernando Martín. Por parte da institución
viguesa participan o Grupo de Procesado de Imaxe e Realidade Virtual
e o Grupo I-markt. O primeiro deles, con sede na EE Telecomunicación,
encargarase de deseñar un software capaz de identificar obxectos
estraños como lixo nas imaxes procedentes dos vehículos aéreos. O
resultado, sinala Martín, “debería ser unha ou varias ferramentas
software que permitan detectar os diferentes tipos de refugallos:
plásticos, hidrocarburos, etc”. O grupo I-markt, da Facultade de
Ciencias Económicas e Empresariais, avaliará os posibles servizos
e modelos de negocio que poden xurdir para explotar a tecnoloxía
desenvolvida no proxecto, incluíndo a creación de novas empresas.
Pola
súa banda, o proxecto SpilLess (First line response to oil spills
based on native microorganisms cooperation) está impulsado por
un consorcio de centros de investigación e empresas de Portugal
(Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental da
Universidade de Porto, que coordina o proxecto; Instituto de
Engenharia de Sistemas e Computadores, Tecnologia e Ciência e a
empresa Biotrand), Galicia (Grupo Geoma da Universidade de Vigo e a
axencia marítima local ACSM) e Noruega (a empresa Marlo). Cun
orzamento de 370.000 euros e dous anos de duración, a finalidade é
implementar un laboratorio para desenvolver solucións viables na
xestión da contaminación mariña, especialmente nos caos de mareas
negras. Estas solucións materializaranse de dúas maneiras: a través
da produción de consorcios microbianos nativos con capacidade de
biorremediación, e tamén, coa adaptación de vehículos non
tripulados e autónomos para combater in situ un evento de
contaminación, liberando de forma localizada estes microorganismos
(bioaumentación) ou nutrientes (bioestimulación).
Por
último, o proxecto Amalia focaliza o seu labor no estudo das algas
mariñas invasoras. Nel participan varias institucións de Portugal
(Instituto Politécnico de Leiria, que actúa de coordinador; o
Instituto de Ciencia de Inovaçao em Engenharia Mecanica e Engenharia
Industrial; a Universidade de Coimbra; a Associaçao para o
Desenvolvimento de Peniche e empresa Algalplus Lda); Galicia
(Universidade de Vigo); Austria (Biomin Holding GmbH) e Holanda
(Quest Photonic Devices BV). Con dous anos de duración e un
orzamento total de 614.462 euros, esta iniciativa xorde como dixemos
para identificar nas algas invasoras compostos ou moléculas con
potencial interese para a industria farmacéutica o alimentaria.
