A Xunta aplicará a Intelixencia Artificial na administración educativa dixital
xoves, 31 de agosto do 2023
O
Goberno
galego presentou este xoves 31 de agosto, a través do presidente
Alfonso Rueda, os detalles do proxecto EdugaIIA, proxecto que vai
aplicar as vantaxes da Intelixencia Artificial á administración
educativa dixital. Farao co obxectivo de “mellorar a toma de
decisións de cara ao éxito escolar, crear un expediente académico
único e habilitar un portelo único de comunicación da comunidade
educativa”. Segundo fixo saber o presidente, EdugalIA é un
programa pioneiro e “moi innovador xa que non se ten feito en
ningunha outra comunidade autónoma”.
O
proxecto virá acompañado (a partir de mañá) dunha consulta previa
ao mercado mediante o proceso de compra pública de innovación, coa
finalidade de que as empresas tecnolóxicas amosen os recursos de que
dispoñen para facer realidade EdugaIIA. “Trátase do sistema de
contratación pública que permite mercar ou adaptar ás necesidades
do cliente, neste caso a Xunta de Galicia, produtos que aínda non
están no mercado”ou deseñar solucións para desenvolver un
proxecto concreto, explicou o presidente.
Prevese
que EdugalIA teña unha fase inicial de desenvolvemento e proba no
período 2024-2027, seguida dun proceso de avaliación de resultados
e posíbel despregadura progresiva de solucións a partir do ano
2028. A maiores, o Goberno galego traballa, así mesmo, para que este
proxecto obteña o financiamento que requiren este tipo de
iniciativas mediante o Programa España FEDER para o período
2021-2027.
A
iniciativa entronca directamente coa Estratexia de educación dixital
de Galicia, Edudixital 2030 e, en concreto, cun dos seus obxectivos
básicos: o desenvolvemento dun ecosistema educativo dixital de alto
rendemento.
EdugalIA
desenvolverase a través de tres ámbitos de actuación, o primeiro
deles a gobernanza, o segundo a creación dun expediente único
académico, e o terceiro a habilitación dun punto único de contacto
entre a comunidade educativa.
Gobernanza
No
eido da gobernanza, habilitarase un novo modelo de administración
educativa dixital que “permita integrar e consolidar de forma
fiábel información procedente de múltiples fontes e formatos”,
sinalou Rueda, engadindo que grazas a este eixe de actuación
poderase analizar a información de cada alumno e contrastala cos
programas educativos da consellería en que participou, aplicando
algoritmos avanzados de análise da información para avaliar os
factores que inciden no abandono temperán e fracaso escolar, entre
outras cuestións.
Outra
das súas principais funcións será a de analizar a vulnerabilidade
da contorna de cada centro educativo para priorizar os recursos de
atención de necesidades específicas de apoio educativo e optimizar
a distribución de recursos orientados á súa atención.
O
obxectivo nesta vertente é que os xestores do sistema poidan
analizar a súa evolución tanto de forma global como a nivel de
centro educativo e programa implantado, permitindo a toma de
decisións baseadas en evidencias e datos personalizados de calidade.
“Farase fincapé nas familias e centros educativos especialmente
vulnerábeis”, comentou o presidente.
Expediente
único
O
segundo ámbito ten como finalidade poñer á disposición do
alumnado e das súas familias para consulta un expediente dixital do
alumnado. “Agora non existe. Se un alumno cambia varias veces de
centro terá un expediente en cada un”, indicou Rueda.
Este
documento, dixo, será susceptíbel de integrar información
relevante no nivel académico e laboral procedente de diferentes
administracións públicas vinculado á identidade dixital dos
alumnos e, nalgunhas etapas educativas, dos seus titores e das súas
titoras.
Incluirá
datos de identificación, de escolarización, académicos, sobre
atención a necesidades específicas de apoio educativo, outros datos
educativos e de formación relevantes e metadatos do expediente.
O
obxectivo é que “este expediente acompañe ao longo do seu
tránsito polo sistema educativo na súa relación cos diferentes
centros e administracións e que sexa accesíbel desde calquera lugar
en calquera momento”.
Punto
único de contacto
Finalmente,
a través de EdugalIA “crearase un espazo único para a
comunicación entre alumnos e familias e os centros ou a
administración educativa”, indicou o presidente.
O
obxectivo é dispoñer dun sistema co que o alumnado e os seus
titores poidan interactuar arredor de aspectos vinculados coa súa
relación coa consellería, como dúbidas sobre procedementos
administrativos no ámbito educativo, asistencia á toma de decisións
académicas e orientación en procedementos administrativos como a
solicitude de bolsas ou a admisión de alumnado.
Todo
o sistema estará deseñado baixo parámetros adecuados de protección
de datos, xestión de permisos, consentimentos de cesión de
información e privacidade, sinalou Rueda.