A Xunta colabora coas pemes na mellora das capacidades de resposta fronte aos retos da ciberseguridade
martes, 10 de marzo do 2026
O Centro GaiásTech acolle hoxe unha xornada formativa orientada a reforzar as capacidades do tecido empresarial galego fronte aos retos da ciberseguridade. O encontro Blindando as PEMES: Laboratorio e centro demostrador de ciberseguridade en produtos con elementos dixitais da Xunta de Galicia foi inaugurado polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Damián Rey.
O responsable da axencia autonómica salientou que a xornada «enmárcase na liña estratéxica da Xunta para colaborar e compartir información, coñecementos e recursos para a seguridade». Neste sentido, Rey lembrou que en materia de ciberseguridade a Xunta apostou desde o primeiro momento «pola creación de espazos de colaboración mediante acordos co Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) ou co Centro Criptolóxico Nacional (CCN), asà como pola posta en marcha do Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal», unha liña que continúa agora coa creación dun centro transrexional de innovación e competencia neste ámbito.
Durante a xornada abórdanse cuestións clave para o sector empresarial, como o incremento dos ciberataques ás organizacións e a necesidade de incorporar medidas de prevención e resposta que permitan reducir o impacto destes incidentes. O programa inclúe tamén demostracións prácticas de ataques reais, entre eles un exercicio de suplantación de identidade, co obxectivo de amosar como funcionan estas ameazas e de que maneira poden ser detectadas antes de provocar danos.
Ademais, especialistas en seguridade dixital analizan os principais riscos aos que se enfrontan as pemes e as ferramentas dispoñibles para reforzar a súa protección. Entre os contidos da xornada tamén se aborda o impacto da nova directiva europea NIS2 e as obrigas que introduce para as empresas en materia de ciberseguridade.
A actividade enmárcase nun proxecto máis amplo impulsado pola Xunta que contempla a creación dun laboratorio transversal de ciberseguridade composto por dúas infraestruturas complementarias. Por unha banda, un laboratorio centrado en produtos con elementos dixitais e, pola outra, un laboratorio e centro demostrador de ciberseguridade industrial orientado á protección de infraestruturas e procesos produtivos fronte aos riscos dixitais.
Este espazo aspira a converterse nun punto de referencia para a innovación e a transferencia de coñecemento no ámbito da seguridade tecnolóxica, facilitando ás empresas acceso a recursos, asesoramento especializado e contornos de demostración nos que probar solucións de protección.
A iniciativa busca reforzar a resiliencia do tecido empresarial galego nun contexto de transformación tecnolóxica acelerada. Para iso, pretende impulsar a concienciación práctica sobre os riscos dixitais, facilitar a adaptación das empresas ás novas esixencias normativas e promover a colaboración entre o sector público, expertos en ciberseguridade e o ecosistema empresarial galego.
O proxecto desenvólvese no marco do programa RETECH e conta con financiamento do Plan de Recuperación e dos fondos NextGenerationEU, a través de INCIBE.
