A Xunta reforzará o CESGA con máis de 34 millóns de euros en novos equipamentos

martes, 22 de xullo do 2025 Redacción

O Consello da Xunta deu onte un novo paso para facer realidade, no ano 2026, a entrada en funcionamento dun novo edificio do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), co obxectivo de fortalecer o seu liderado internacional. En concreto, autorizouse a licitación de dous contratos para a adquisición de novos equipamentos cun investimento superior aos 34 millóns de euros: a compra do novo supercomputador Finisterrae IV e dun sistema de almacenamento (por máis de 25 millóns de euros), así como dun computador cuántico (por máis de 9 millóns).
Este investimento forma parte do orzamento total de 56 millóns de euros destinado á construción do novo edificio e á ampliación das capacidades do centro, o maior realizado ata agora no CESGA. A iniciativa está financiada con fondos europeos e achegas da Xunta, logo de captar 47,4 millóns de euros do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia no marco do PERTE Chip. Galicia foi, de feito, a comunidade que conseguiu a maior porcentaxe de fondos entre todos os membros da Rede Española de Supercomputación (RES), alcanzando o 75 % do total repartido no Estado.
As novas infraestruturas estarán emprazadas no edificio en construción no polígono da Sionlla, que disporá dunha superficie construída superior aos 2.400 metros cadrados, ademais dunha zona exterior para equipamentos técnicos. O novo supercomputador achegará unha potencia adicional para dar resposta a necesidades de intelixencia artificial, mentres que o sistema de almacenamento permitirá gardar grandes volumes de datos e ofrecer servizos avanzados. Pola súa parte, o computador cuántico dotará ao CESGA de capacidades pioneiras que favorecerán o desenvolvemento do ecosistema cuántico e reforzarán o seu papel como centro de referencia.
O proxecto permitirá incrementar de xeito destacado a capacidade de cálculo e almacenamento científico do CESGA, favorecendo os avances da comunidade investigadora galega e do CSIC en ámbitos como a física de altas enerxías, a climatoloxía, a intelixencia artificial ou o deseño de fármacos. Tamén suporá unha mellora dos servizos prestados polo centro, cun impacto positivo na calidade de vida da cidadanía galega e no impulso ás colaboracións con empresas de sectores estratéxicos.