A aprendizaxe das máquinas e o seu potencial para industria e sociedade, ao detalle da man do CiTIUS

luns, 31 de xullo do 2017 Fernando Sarasketa

Debido ao crecente interese en todo o que teña que ver coa aprendizaxe das máquinas (Machine Learning, ML) e debido ás importancia das posibilidades que nos abre o feito de termos tecnoloxías que tomen decisións por nós (un feito de gran relevancia para as industrias), o ano vai rematar coa celebración dun gran evento galego para reflexionar sobre esta cuestións e, sobre todo, para xuntar baixo un mesmo teito a quen máis teña que contar sobre as mesmas. Falamos da xornada de traballo Workshop Machine Learning en Galicia 2017 (WGML2017), organizada polo centro CiTIUS da USC co apoio do CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), o CITIC (Centro de Investigación TIC da UDC) e AtlantTIC (Universidade de Vigo). Diríxese a avaliar e mostrar a ampla gama de recursos e aplicacións que poñen en xogo as tecnoloxías ML. Será o 19 de outubro na sede do CiTIUS.
Recursos e aplicacións xa coñecidos (e outros por coñecer) como sistemas de procura, análise de textos, análises de redes sociais, recoñecemento de obxectos e caras, procesado do ADN, recoñecemento da fala, analítica de datos médicos, mellora e optimización dos sistemas de produción na industria, aplicacións de analítica para a intelixencia de negocio, e “un larguísimo etcétera”, en palabras da organización, que quere achegar unha visión total e certeira das potencialidades de todos estes recursos e das materias pendentes nos mesmos e nos que están aínda por vir. Segundo engaden os impulsores da xornada de traballo, “malia todos os beneficios achegados polo ML á sociedade e á industria, o seu potencial máximo está aínda por explotar, polo que existe un futuro cheo de novos retos e oportunidades”.
Polo tanto, o obxectivo deste workshop é “presentar os proxectos e resultados de utilización das tecnoloxías ML nas universidades, centros de investigación, centros tecnolóxicos e empresas de Galicia, tanto a nivel de utilización como desenvolvementos específicos de novos algoritmos, así como identificar as posibilidades destas tecnoloxías nos sectores referentes de Galicia, as necesidades de infraestruturas e as posibles sinerxías”.
Nesta edición daráselles prioridade os traballos que mostren a aplicabilidade dos algoritmos Machine Learning a casos de uso reais co fin de amosar á industria o potencial destas tecnoloxías.

Comité científico:

  • Ricardo Cao (CITIC-UDC, ITMATI)
  • Milagros Fernández Gavilanes (AtlantTIC - UVIGO)
  • David Mera Pérez (CiTIUS-USC)
  • Andrés Gómez Tato (CESGA)
  • Félix Díaz Hermida (CiTIUS-USC)

PUBLICIDADE