A comunicación dixital en calquera das súas vertentes xa ten carta de madurez. Agora máis que nunca, neste intre no que as publicacións son máis doadas de visualizar nun computador ou en calquera trebello móbil. Cómpre engadir tres vantaxes a maiores: redúcense custes (non hai impresión en papel), contribúese a preservar o medio e favorécese a universalidade do proxecto (chega a tódolos recantos sen envío físico de por medio). Estes son os alicerces sobre os que traballa A Caramuxa Galega, do Grupo Lúdica 7, unha iniciativa galega, con base en Santiago, que aposta fortemente pola publicación dixital tirando o máximo proveito de complementos como vídeos, imaxes, gráficas, animacións, ligazóns webs, viralidade, xeoposicionamento, interactividade e presenza nas redes sociais. O seu obxectivo é contribuír a que deixemos atrás a idea de publicación en liña a xeito de documento PDF en limpo. Un dos principais recursos a empregar é o visor de A Caramuxa en HTML5, ao seu xuízo “a linguaxe do futuro”.

No servizo El Visor, de A Caramuxa, achégase, segundo indican, todo o preciso para que quen queira publicar algo nas novas canles de comunicación poida facelo do xeito máis “cómodo e efectivo”. A isto engádese a posibilidade de integrar o resultado e personalizado na propia web empresarial de cada quen, permitindo consultas directas dende a Rede e evitando as tradicionais descargas. A maiores, compleméntase o servizo coa supresión de aplicacións específicas para móbiles ou tablets, xa que coa plataforma de A Caramuxa as maquetacións cobran vida sen necesidade de aquelas, en formato vertical ou horizontal, adaptándose de xeito automático aos dispositivos móbiles.
A axencia galega Lúdica 7 achega recursos para publicarmos dixitalmente do xeito máis cómodo e eficaz
Compartir Este Artigo
