Doce proxectos empresariais de base tecnolóxica do ámbito mariño-marítimo de Galicia e norte de Portugal recibirán apoio para a súa valorización a través da iniciativa Sherpa do Mar, impulsada pola Universidade de Vigo e a Zona Franca, entre outras entidades, co obxectivo de “crear unha plataforma galego-portuguesa para a promoción da competitividade no sector marítimo a través de novas iniciativas de mercado de base tecnolóxica con alto valor engadido”. Entre a ducia de proxectos seleccionados atópanse propostas de dixitalización, de rastrexabibilidade alimentaria ou de Realidade Aumentada para coñecer máis a fondo o medio mariño. Tamén hai contribucións á eliminación de nano-plásticos no mar.
A través do programa e da súa participación en Sherpa Journeys, contarán con asesoramento especializado e o respaldo dun sistema innovador de medición e seguimento do seu desempeño que lles axudará a achegar ao mercado as súas ideas de negocio ao longo das fases de emprendemento. O programa de apoio integral terá 14 meses de duración e no seu transcurso estarán acompañados dun xestor especializado en promoción do emprendemento e transferencia de tecnoloxía e coñecemento e recibirán asesoramento científico-técnico. Durante este proceso contarán con formación, xornadas de networking, así como servizos e medios técnicos para consolidar o seu desenvolvemento e crecemento.
As entidades impulsoras dos Sherpa Journeys destacan que o gran compoñente innovador das propostas elixidas nesta primeira edición, que fornecen respostas de alto valor engadido a retos como a dixitalización, o uso sustentable de recursos, a seguridade e a rastrexabilidade alimentaria, o ecoturismo ou a protección e conservación do ecosistema mariño. Amais, aplican tecnoloxías de biotecnoloxía ou emerxentes como a cadea de bloques (blockchain) ou a Realidade Virtual e Aumentada. A maior parte atópanse en fase de concepción e prototipado, aínda que tamén están presentes iniciativas emprendedoras e de inter-emprendemento en fase de maduración máis avanzadas. As súas propostas abranguen diferentes sectores do ámbito mariño-marítimo como o acuícola, o conserveiro, o portuario, a pesca ou o turístico.
Estes son os proxectos elixidos.
· MytUniSex: propón a produción de liñas de mexillón unisex a gran escala e de forma sostida ao longo do ano. O proxecto busca promover o uso sustentable dos recursos mariños, ofrecendo unha alternativa que podería reducir a necesidade de colleitar a semente no intermareal rochoso.
· ActivaeAlgae: centrado no desenvolvemento de produtos cosméticos de orixe natural, baseados en extractos de microalgas eucariotas sen explorar, e con propiedades antinflamatorias, hidratantes, exfoliantes ou protectoras contra os raios ultravioletas (UV).
· BIMBA (Bioloxía e Información Marítima Ártabra): dirixido ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas baseadas en GIS e enfocadas a mellorar a competitividade do sector portuario e as organizacións relacionadas co medio mariño.
· SUBGO: proxecto de Realidade Virtual (VR), Aumentada (AR) e Mixta (MR) dirixido á investigación e divulgación científica de paisaxes submarinas con aplicacións no sector da educación e do ecoturismo.
· ValBioSea: centrado no desenvolvemento dun método de extracción eficiente para a selección de compostos bioactivos, de alto valor engadido e obtidos de macroalgas invasoras, cun enfoque de biorrefinería en fervenza.
· DanteRoNPs: solución de tecnoloxía de eliminación de nano-plásticos no ecosistema mariño, mediante o emprego de surfactantes compatibles bioloxicamente.
· Fish & Food Technology: propón a creación dunha ferramenta baseada en tecnoloxía blockchain para a rastrexabilidade e seguridade alimentaria de produtos pesqueiros.
· Sailing For Science: está enfocado á creación de experiencias de turismo científico-mariño, mediante a posta en marcha dunha plataforma aberta á comunidade científica interesada na participación de actividades de ciencia cidadá, co obxectivo de pór en valor o ecosistema da rexión atlántica.
· Container Over Board System (antes Lost Containers at Sea): centrado na creación dun sistema de localización de containers que permita xerar alertas que reduzan a xeración de verteduras contaminantes ou posibles situacións de risco para a navegación e o medio mariño.
· Blue Bioprana: propón a aplicación de solucións de biotecnoloxía que reduzan o impacto ambiental dos subproductos orgánicos e xeran procesos de produción máis sustentables e con maior rendemento, que poderían empregarse tamén en modelos de economía circular.
· ABZU Maritime Platform: plataforma de operacións portuarias baseada en tecnoloxía blockchain que achegará máis transparencia, sinxeleza e inmediatez.
· Basemar: centrado na fabricación e comercialización de balizas con fondeo ecolóxico para sinalización marítima e de parques de cultivo de marisco, que ofrecen datos en tempo real.
O proxecto Sherpa do Mar
Sherpa do Mar é un dos tres proxectos da convocatoria POCTEP 2019, co-financiado nun 75% polo FEDER, nos que a Universidade de Vigo é o principal beneficiario e no que Zona Franca participa como un dos nove socios cunha achega que roldará os douscentos mil euros.
O proxecto ten como obxectivo “crear e revitalizar unha plataforma galego-portuguesa para a promoción da competitividade no sector marítimo a través da promoción de novas iniciativas de mercado de base tecnolóxica con alto valor engadido”.
O proxecto está liderado polo grupo REDE da Universidade de Vigo e, xunto con este grupo de investigación, participan Campus do Mar e o Vicerreitorado de Investigación, o Consorcio Vigo Franca, a Axencia Galega para a Innovación (GAIN), a Universidade de Santiago de Compostela e A Coruña, entre outras entidades referenciais do noso país irmán.
A ducia de proxectos seleccionados para Sherpa Journeys aplican as tecnoloxías máis avanzadas ao sector marítimo
Compartir Este Artigo

