A galega Alén Space anuncia o lanzamento do seu satélite SATMAR para mellorar a comunicación marítima

xoves, 22 de maio do 2025 S. P.

A empresa galega Alén Space, con sede en Nigrán (Pontevedra), centrada no deseño, fabricación e operación de pequenos satélites para todo tipo de aplicacións está de actualidade, pois vén de anunciar o lanzamento de SATMAR, un nanosatélite 6Ou que chega con vontade de revolucionar dixitalmente o sector marítimo.
Indo ao feito en cuestión, o despregadura do satélite está previsto para o vindeiro 21 de xuño, a bordo dun foguete Falcon 9 de SpaceX, no marco da misión Transporter-14, que partirá desde a Base da Forza Espacial de Vandenberg, en California (Estados Unidos).
Dicir que o proxecto conta coa participación de Egatel e o financiamento de Ports 4.0, unha iniciativa de innovación de Portos do Estado e Autoridades Portuarias Españolas, que vai á procura de promover a transformación dixital do eido marítimo mediante o financiamento de proxectos disruptivos con potencial de aplicación práctica en contornas portuarias.
Cómpre subliñar que a meta primeira de SATMAR é demostrar nun escenario real a viabilidade do novo estándar VDES (VHF Data Exchange System), chamado a substituír nas comunicacións marítimas ao actual sistema AIS (Automatic Identification System). Noutras palabras, esta nova tecnoloxía permite a transmisión de información bidireccional a través de satélite na banda VHF e é unha solución para os actuais problemas de saturación de redes que afectan ás comunicacións navais, traducíndose en melloras significativas nas operacións portuarias e na eficiencia, seguridade e sostibilidade do tráfico marítimo global.
O satélite, que operará sobre España e as súas augas circundantes, actuará como un banco de probas en órbita para validar distintos casos de uso dos estándares AIS e VDES, en colaboración coa Autoridade Portuaria da Baía de Alxeciras e con empresas relacionadas co sector marítimo español, como Oritia & Boreas.
En canto á misión, sinalar que prevé demostrar distintas capacidades desta tecnoloxía chamada a transformar as comunicacións marítimas, como a transmisión de sinais VDES, a recepción de VDES e AIS, o mantemento da conectividade das embarcacións mesmo a grandes distancias da costa, a mellora na estimación de tempos de chegada, a emisión de alertas de seguridade marítima e o envío de información cifrada.
Segundo Guillermo Lamelas, CEO de Alén Space: “Estamos orgullosos de liderar un proxecto tan pioneiro como SATMAR”, explica, “porque é unha tecnoloxía que vai ter un impacto real no tráfico marítimo global. O estándar VDES vai ser unha revolución para o sector, porque permitirá dixitalizar as comunicacións marítimas, ofrecer novos servizos e aumentar a seguridade e eficiencia das operacións portuarias e das propias embarcacións”.
Amais do seu propósito principal, SATMAR achega unha carga útil secundaria de monitorización do especto que o converte nun verdadeiro laboratorio en órbita de radio definida por software (SDR). O satélite probará distintas tecnoloxías innovadoras para comunicacións de alta velocidade en banda S, así como para a monitorización e detección de interferencias de radiofrecuencia (RF) en bandas VHF, L e S. As cargas útiles foron deseñadas para permitir a súa reconfiguración en órbita de xeito remoto, o que fará máis doada a adaptación das probas a medida que avance a misión. SATMAR supón a continuación natural do proxecto SHIPMATE (Satellite Hybrid Information Protocol for MAritime TElecommunications), desenvolvido previamente por Alén Space eEgatel en colaboración con Gradiant, e afianza o camiño cara á dixitalización das comunicacións marítimas desde o espazo.