A galega Apparcar, elixida por Wayra entre os proxectos máis innovadores do Estado
mércores, 16 de abril do 2014
- O emprendedor vigués José Luís Leirós, responsábel de Apparcar
A aceleradora de novas
ideas empresariais Wayra, impulsada
por Telefónica, vén de informar que hai presenza galega entre os 10
proxectos “máis innovadores” que acubilla a día de hoxe esta
palestra de start-ups. Trátase da Apparcar
e a súa aplicación móbil do mesmo nome, impulsada polo emprendedor
vigués José Luís Leirós, seleccionada por Wayra de entre máis de
660 proxectos tecnolóxicos de toda España amosando o nexo común da
creatividade empresarial. Segundo informa Telefónica, Apparcar xa
está arestora integrando por dereito propio a listaxe de 10 firmas
estatais máis prometedoras. Estas firmas estarán acubilladas por
Wayra ao longo deste ano.
Xa en termos máis
concretos, dicir que a inclusión de Apparcar na dita clasificación
ábrelle as portas a un financiamento de até 40.000 euros, un espazo
de traballo na academia Wayra Madrid, ademais de acceso “a un
destacado panel de expertos e mentores”. Tamén se lle achega a
posibilidade de dispor de apoio tecnolóxico e asesoramento en
empresas das distintas unidades comerciais do Grupo Telefónica e de
Wayra en 13 países. Lembrar que a aceleradora xa propiciou o
despegue de tres xeracións de iniciativas (actualmente desenvólvese
a cuarta quenda) e que en total, as firmas participantes conseguiron
atraer máis de 10 millóns de euros de investimento e financiamento
externo.
Polo que atinxe á
aplicación galega, dicir que Apparcar preséntase como “a primeira
aplicación móbil gratuíta que permite aos condutores atopar a
praza de estacionamento libre máis próxima ao seu destino na rúa e
reservala con tan só un clic”. Ademais, fornece un xeito de facer
as cousas con respecto aos aparcadoiros públicos que difire de todo
o visto e aplicado até o de agora, en primeiro lugar porque é quen
de achegar datos en tempo real a través de algoritmos propietarios
que permite saber a todos os implicados que prazas están ceibes, o
que deixa fóra de xogo factores habituais na busca de aparcadoiro
como a intuición ou a sorte, xeralmente pouco efectivos. En
definitiva, ábreselle a porta á rendibilidade e á eficacia,
fomentando ao mesmo tempo o respecto polo medio (canto menos voltas
deamos pola cidade buscando praza, menos contaminaremos).
O método de
funcionamento de Apparcar, engade Telefónica, é sinxelo e moi
semellante ao empregado para a xestión de reservas de butacas en
teatros ou salas de cinema. Conta ademais a vantaxe de ter sido
probado con éxito, máis polo miúdo en Oviedo, onde obtivo unha
valoraciónd e 4,7 sobre 5 por parte das persoas que lle deron uso.
Lembrar tamén que o
sistema a Apparcar é quen de detectar a través do GPS do móbil
cando estamos preto do destino indicado. Asemade, tamén ten unha
función para coñecer se desexamos facer efectiva unha reserva e por
canto tempo. No caso de que a praza recomendada estea ocupada por
outro vehículo sen reserva, podemos facer saber a incidencia -comprobada por un controlador-, e automaticamente ofrecerásenos
unha nova praza próxima e con desconto. Salientar
por último que a aplicación galega foi recoñecida como Mellor
proxecto de entidade privada para o fomento da cidade intelixente por
FUNDETEC.