A galega Galvintec estará por 2ª ano consecutivo no Pavillón de España en MWC 2025

martes, 25 de febreiro do 2025 S. P.

Galvintec, firma TIC galega pertencente ao Grupo Alvariño, fíxose por segundo ano consecutivo cun espazo no Pavillón de España en MWC 2025, onde presentará dous desenvolvementos punteiros: Moodular, unha plataforma na nube para a xestión integral do comercio electrónico, e Duel, plataforma cloud para a organización e xestión de torneos de deportes en liña (eSports).
Red.es, entidade adscrita ao Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, seleccionou de novo a esta empresa viguesa entre o grupo das 50 pemes tecnolóxicas nacionais máis innovadoras, que integran o Pavillón español no que é o congreso máis relevante a nivel mundial para o sector dixital e a conectividade, que se celebra a próxima semana en Barcelona.
Foi Moodular, a plataforma cloud para a xestión integral do ecommerce desenvolvida por Galvintec, a que valeu á empresa galega para estar outra vez no escaparate oficial que dá a coñecer o gran potencial de España no ámbito tecnolóxico e polo que pasaron na última edición do evento máis de 10.000 visitantes.
Galvintec conta cunha alta especialización en solucións para o comercio electrónico. Dentro deste segmento, desenvolveu Moodular, unha plataforma innovadora que permite dar resposta aos maiores desafíos do comercio na canle online, así como á súa integración co comercio físico, que deben ser xestionados de maneira eficiente para garantir o éxito do negocio: a boa xestión do inventario, a sincronización cos marketplaces, a xestión dos pedidos e pagos en tempo real, e a optimización da loxística. Moodular inclúe solucións ecommerce nativas, módulos específicos para a sincronización cos marketplaces e unha solución de Software de Xestión de Almacéns (SXA) de última xeración para a optimización da loxística.
“Ao proporcionar solucións de ecommerce nativas e nunha soa plataforma, con Moodular as empresas poden evitar a necesidade de adquirir e configurar solucións de terceiros, aforrando tempo e reducindo o custe da xestión da súa canle dixital, e permitindo ademais personalizar estas solucións á medida da empresa”, explica Manuel Balseiro, director da área TIC do Grupo Alvariño.
Engade que con Moodular, desde unha única plataforma as empresas poden comercializar en múltiples canles (web propia ou marketplaces), chegando “a un público máis amplo e aumentando así a visibilidade dos seus produtos e as súas posibilidades de venda”. Desde esta ferramenta, tamén poden acceder a toda a información en tempo real, como o estado dos pedidos, as métricas de vendas e a xestión do inventario. “Isto facilita a aprendizaxe da súa manexo por parte do equipo e fai que o proceso de vendas incremente a súa eficiencia”, explica, engadindo que “Moodular tamén facilita a xestión loxística ao integrarse coas principais compañías operadoras do transporte, ofrecendo á empresa a visibilidade completa dos seus envíos, permitindo a vixilancia permanente do envío ou a devolución e o seguimento en tempo real”.
O segundo desenvolvemento co que acode Galvintec ao MWC Barcelona 2024 é Duel, unha plataforma de eSports baseada na nube que permite crear, administrar e organizar torneos de videoxogos de forma rápida e sinxela, e compartir partidas e torneos con outros xogadores, mellorando a experiencia dos usuarios. Duel, explican dende Galvintec, proporciona unha “funcionalidade moi nova neste ámbito, permitindo que o torneo se desenvolva en base a unhas regras predefinidas e poida ter unha divulgación exponencial grazas á participación de casters e streamers que poden retransmitir en tempo real as partidas nas súas canles habituais (Discord, Twitch…)”.