A galega Kiply lanza unha aplicación de balde que nos axuda a mellorar a nosa produtividade persoal

martes, 20 de xaneiro do 2015 Fernando Sarasketa

Unha ferramenta móbil para axudarnos a organizar mellor o tempo que adicamos a traballar. Esta é a base dunha aplicación de raizame galega acabada de saír do forno (dispoñíbel dende hoxe no mercado en versión beta) e coa vantaxe de integrar, nun único recurso tecnolóxico, consellos e metodoloxía para guiarnos na mellora da nosa vida profesional e persoal amais de procedementos que garanten a nosa seguridade e privacidade. A ferramenta en cuestión vén da man start-up galega Kiply e polo de agora só fornece versión para Windows. Pode descargarse “de maneira sinxela e de balde” dende a páxina web da empresa, kiply.com.
“Unha vez que a teñamos no PC, tableta ou smartphone”, informan os responsábeis deste desenvolvemento, “poderemos recompilar información sobre a nosa actividade de xeito automático e sen que sexa preciso ningún tipo de intervención adicional”. A partir da instalación, cada semana recibiremos un correo electrónico cun informe sobre a nosa actividade para que poidamos saber como e de que maneira investimos o noso tempo. Unha das premisas básicas da aplicación é que todo sexa o máis simple posíbel, á par que eficaz: “A través dun deseño sinxelo e atractivo poderemos coñecer os nosos hábitos e a evolución dos mesmos ao longo dos días”, explican dende Kiply, que tamén lembran que a posibilidade de contarmos cun consello semanal específico e particular axudarnos, e moito, a motivarnos e mellorar.
Os responsábeis da empresa galega tamén informan que puxeron “unha especial atención” nunha das cuestións máis delicadas que abrangue o seu desenvolvemento, a cuestión da salvagarda da información e a privacidade. “Garantimos en todo intre a seguridade dos datos dos usuarios a través dunha férrea infraestrutura”, sinalan.
Por certo que Kiply diríxese sobre todo a profesionais independentes (freelance), autónomos e traballadores de pequenas empresas que fagan un uso intensivo de dispositivos con conexión a Internet no desempeño do seu traballo cotián. “Grazas a Kiply”, explican, “aprenderán a mellorar a súa vida profesional e persoal de forma sinxela”.
Logo deste lanzamento da versión beta de Kiply, que xa empregan máis de 300 usuarios, o seguinte paso será dispoñibilizar a versión definitiva, que se prevé que chegue nun breve prazo de tempo.

PUBLICIDADE