A investigadora do CITIC Nieves Rodríguez Brisaboa, Premio Nacional de Informática

martes, 28 de maio do 2019 Redacción

A investigadora do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, Nieves Rodríguez Brisaboa, vén de recibir un moi relevante recoñecemento ao seu labor e contribucións. Máis en detalle, foi distinguida co Premio Nacional de Informática, concedido pola Sociedade Científica Informática de España (SCIE) e a Fundación BBVA.
Segundo informa o CITIC, este galardón é un dos máis prestixiosos a nivel nacional no ámbito da Enxeñería Informática e está dirixido a recoñecer o traballo de investigadoras, investigadores e entidades na área da informática que dedican a súa carreira profesional ao estudo, fortalecemento e divulgación deste ámbito profesional.
Nieves Rodríguez Brisaboa é catedrática de Linguaxes e Sistemas Informáticos da Universidade da Coruña e investigadora principal do Laboratorio de Bases de Datos (LBD), adscrito ao CITIC. O xurado desta terceira edición dos Premios Nacionais de Informática recoñece á investigadora do CITIC co Premio Ángela Ruiz Robles “polos seus traballos de investigación e innovación relacionados coa Xestión de Datos, así como as súas iniciativas nos eidos da transferencia de coñecemento en relación con empresas e institucións públicas e a creación de empresas de base tecnolóxica”.
Investigadores do CITIC premiados na edición anterior
O CITIC lembra que a liña de recoñecementos recibidos pola SCIE é unha liña de continuidade. Así, na edición anterior, en 2018, o investigador do CITIC Ramón Doallo recibiu o Premio Nacional de Informática “polas súas sobresaíntes contribucións á arquitectura e á tecnoloxía de computadores” e “pola súa intensa actividade de transferencia dos resultados ao sector empresarial e o seu recoñecido liderado científico”.
Pola súa banda, o investigador David Vilares foi condecorado co Premio Jóvenes Investigadores Informáticos “polas súas destacadas contribucións á investigación en técnicas e algoritmos para o procesamento da linguaxe natural, con especial énfase na súa aplicación ao análise de sentimentos en redes sociais”.

PUBLICIDADE