A liberación do dividendo dixital adiarase aproximadamente un mes

luns, 22 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Nunha entrevista concedida a Servimedia, o ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria, apuntou que o Goberno ten previsto conceder unha prórroga de aproximadamente un mes para liberar o dividendo dixital e que as operadoras de telecomunicacións poidan empregar estas frecuencias para redes móbiles 4G.
Esta prórroga que o ministro considera “razoable” aprobarase polo Consello de Ministros o vindeiro 26 de decembro atendendo a unha petición dos antenistas e os operadores, aínda que a liberación do dividendo dixital non se adiará 3 meses como se comentou nas pasadas semanas, senón que produciríase “o 30 de xaneiro ou o 15 de febreiro de 2015”.
Soria lembra que “os operadores pagaron por ese espazo e teñen dereito a ter eses espazo, pero estamos falando para que entendan que precisamos certa marxe para que a transición en simultáneo sexa o máis flexible posible”, aínda que tamén tivo que recoñecer que esta decisión “pode ter un custo adicional que non está medido e que teremos que falar cos operadores” pero “terao que pagar o Estado”.
O ministro tamén comentou que o 55% dos edificios españois precisaban da reantenización, calculando que o pasado mes de novembro producírase no 52% dos casos, prevéndose que remate o ano con entre o 60 e o 65% dos edificios adaptados (lembrando que o obxectivo non é chegar ao 100%, pois sempre haberá edificios que non realizan este tipo de actuacións por estaren desocupados ou pertencer a cidadáns que non ven a televisión dixital terrestre).

PUBLICIDADE