A nova película de Mulán estrearase directamente en Disney+

martes, 4 de agosto do 2020 Marcus Fernández

A pandemia levou ao peche das salas de cine a nivel mundial, provocando que incluso moitas películas que estaban en carteleira pasasen ao mercado doméstico de xeito moi anticipando, sendo especialmente rechamante o caso de Trolls 2: Gira Mundial, que tivo unha estrea dixital durante o confinamento, conseguindo un volume de ingresos tan elevado que provocou un grande malestar entre as grandes cadeas de cines, que ameazaron aos estudios con non distribuír as súas producións sen apostaban pola estrea simultánea en cine e dixital, de aí que resulta rechamante que finalmente Disney desbotase os seus plans de estrear en cines a versión en acción real de Mulán, filme no que tiñan postas grandes esperanzas, pero que tras reprogramar a súa estrea en diversas ocasións decidiron que o 4 de setembro vaia estrearse en Disney+, pero non un filme incluído na subscrición do servizo, senón que os interesados en vela terán que pagar un extra de 29,99 dólares. Nos mercados onde non estea dispoñible Disney+ Mulán poderá verse en salas cinematográficas.
Estamos ante un importante paso para Disney, que reacciona así a unha situación moi complexa que afecta a todas as súas liñas de negocio, estando especialmente tocados os seus negocios presenciais (como os parques de atraccións) de aí que non debería sorprender que queiran mellorar os seus resultados nos negocios dixitais. O importante desta estrea é que permitirá coñecer a receptividade do mercado a facer pagamentos elevados para alugar filmes dentro da fiestra temporal destinada aos cines, o que podería mudar os modelos de negocio de xeito global, pois tampouco podemos obviar que no caso da Disney as salas de exhibición non están nunha posición de forza, xa que actualmente Disney é a compañía que controla a meirande parte de superproducións que xeran máis cartos nos despachos de billetes (xa que, aparte das producións tradicionais de Disney, tamén ten as franquías de Star Wars, Marvel e Fox).

PUBLICIDADE