A semana que vén a LaconNetwork celebra os seus 6 anos de actividade

xoves, 21 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

O vindeiro día 29 o Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia vai acoller unha edición moi especial da LaconNetork, encontro gastronómico mensual dos albaneis da nube que nesta ocasión contará cun programa de actividades premio ao xantar con networking, para celebrar o 6º aniversario desta serie de xuntanzas informais que axudan a cohesionar o sector tecnolóxico galego.
O encontro botará a andar ás 9:00 horas, e tras unha presentación, desenvolverá un par de mesas de debate, unha charla maxistral e a entrega de varios galardóns do que será a primeira edición dos Premios LaconNetwork, antes de dar paso ás 14:00 horas ao xantar habitual.
A primeira mesa abordará a relación entre aceleradoras e emprendedores, para o que Lalo García (LanceTalent) moderará a Rosa Eguizábal (ViaVigo), Sandra Pérez (Lanzadera), Pablo Pazos (Barkibu), Pablo Gutiérrez-Alfaro (Citious) e algún outro emprendedor por concretar.
A segunda mesa de debate intentará albiscar o futuro do sector TIC, para o que contarán, entre outros, con Marcos Caderno (Coremain), Pablo López (Hacce), Luís Taboada (Qbitia) e Luz Castro (Imaxin).
O encontro estará conducido polo xornalista Fran Hermida, e alternará os actos de entrega dos distintos premios LaconNetwork que recoñecerán a unha iniciativa, a un evanxelizador, a un anxo investidor e a unha empresa impulsora.
A inscrición á LaconNetwork xa está aberta, tendo desta volta un custo de 25 euros, coa opción de pagar 40 euros para facerse tamén cunha camiseta que celebra os seis anos desta cita mensual.

JPEG - 92.8 KB
Os asistentes poderán adquirir unha camiseta conmemorativa xunto coa entrada ao evento

PUBLICIDADE