A terceira entrega do premio da FIC ao mellor traballo aplicado xa ten finalistas
mércores, 31 de xaneiro do 2018
Os días pasados, e logo das votacións feitas
polas empresas colaboradoras, a Facultade de Informática da Coruña
(FIC) deu a coñecer os finalistas da
terceira edición do seu Premio ao Mellor Traballo Fin de Grao
Aplicado. O certame, no que colaboran o Centro de Investigación
TIC (CITIC) e a FUAC, busca enxalzar e visualizar a capacidade
investigadora e desenvolvedora do alumnado.
A relación de finalistas, dispoñíbel
nun documento en PDF, ficaría do seguinte xeito: Sistema de
automatización para a obtención de rastrexabilidade de envases
mediante a integración da tecnoloxía RFID, de Mateo Fuentes
Pombo; Sistema para a monitorización da acumulación do gas radon
en interiores, de Marcelo Galán Morada; Extracción de zonas
quísticas en imaxes OCT de fondo de ollo, de Plácido Francisco
Lizancos Vidal; Análise de patróns cerebrais para o control de
cadeiras de rodas, de Laura Montes Pombar; e Desenvolvemento
de módulos para robótica educativa en AppInventor, de Miguel
Ángel Vilar Rodríguez.
A terceira edición do Premio ao Mellor TFG da FIC
inclúe un primeiro galardón de 1.500 euros para o gañador e dous
accésit de 500 euros. Os gañadores daranse a coñecer este mes de
febreiro, trala resolución do certame.
Lembrar que esta terceira convocatoria conta
novamente co patrocinio de importantes empresas como Everis, Grupo
Voz, Indra, Instituto Tecnolóxico Galego (ITG) ou Telecom, amais da
devandita colaboración do Centro
de Investigación TIC (CITIC) e a Fundación Universidade da
Coruña (FUAC).
O xurado que avaliará o aspecto técnico das
solicitudes presentadas e o interese práctico do desenvolvemento das
mesmas será conformado unha vez máis polas propias empresas
colaboradoras.