A veciñanza de Boiro poderá comunicar polo móbil incidencias ao Concello

venres, 7 de maio do 2021 S. P.

O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, presentou na mañá deste 7 de maio un servizo tecnolóxico para facilitar a resolución de incidencias e mobilizar a participación da cidadanía neste proceso, buscando unha maior eficacia e unha meirande transparencia. Trátase do servizo Liña Verde, que, segundo dixo, comezará a primeira semana en fase de proba e poderase facer a través da web e dunha aplicación móbil. Esta ferramenta xa está presente noutros concellos da nosa contorna e en moitos casos acadou importantes taxas de resolución de problemas e participación cidadá.
Segundo dixo o rexedor, “o servizo que se vai implantar serve como canle directa entre a veciñanza e o Concello para comunicar de maneira sinxela os desperfectos que se detecten no mobiliario ou equipamento urbano do municipio”.
Tamén explicou que a cidadanía vai poder acceder a Liña Verde a través da súa aplicación móbil, seleccionando o municipio de Boiro, ou do dominio web www.lineaverdeboiro.org que estará dispoñíbel na web municipal.
“O obxectivo é que a cidadanía poida comunicar as incidencias de maneira rápida e sinxela en calquera momento, achegándose a posibilidade de facelo comodamente no móbil e indicando a través del o tipo de problema que se queira comunicar”, dixo o alcalde, salientando que este sistema “permite localizar coordenadas ou fotos do desperfecto para que sexa mais sinxelo ao departamento correspondente dar con el e solucionalo”.
A fase de proba do servizo comezará a vindeira semana.

PUBLICIDADE