A versión 4.0.1 do software libre Ekiga contou con importante contribución galega
martes, 5 de marzo do 2013
Temos nova achega de software libre con compoñente
galego. Desta volta, o que nos cae nas mans é a versión 4.0.1 dun
programa destinado a facer posible a tecnoloxía de
videoconferencias entre os usuarios de programas abertos. Falamos do
software libre Ekiga, cuxa última actualización (a
4.0.1.) incorpora unha
boa cantidade de elementos desenvolvidos dende a nosa terra, máis
polo miúdo dende AGASOL (Asociación Galega de Empresas de Software
Libre) e máis AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de
Galicia), dúas entidades que están a colaborar non só
na máis que posible linuxización dos computadores da Xunta
senón tamén no pulo a novas ferramentas e aplicacións e na mellora
doutras xa existentes. Como por exemplo Ekiga, un recurso no que
tamén ten colaborado Trasno facendo posible a súa galeguización.
Por certo que as melloras aplicadas en Ekiga da man
de AMTEGA e AGASOL colleron corpo ao longo do ano 2012, para a súa
implantación nas aulas da rede CeMIT e co obxectivo de dotar aos
espazos que non contaban con equipos de videoconferencia desta
tecnoloxía de comunicación a distancia pola vía do software. Como
dixemos, AMTEGA dispuxo da colaboración de AGASOL, que a través da
firma Igalia deu forma a novas funcionalidades para adaptar Ekiga ás
devanditas necesidades docentes das aulas. “Grazas a este
desenvolvemento e coa incorporación de Ekiga durante o 2013 como
software base no equipamento da rede CeMIT”, informan, “será
posible que todas as aulas poidan contar coa
funcionalidade de acceder a cursos por videoconferencia”.
Sinalar que as tarefas desenvolvidas por AGASOL
consistiron, ente outras cousas, na incorporación do soporte do
protocolo H.239,
co fin de facer posible a transmisión dos datos multimedia de xeito
simultánea co vídeo remoto. Permítese, polo tanto, “ver a
imaxe do escritorio do ordenador do docente de xeito
simultáneo ao vídeo da imaxe do profesor captada pola cámara
dos equipamentos de videoconferencia”. No desenvolvemento desta
nova funcionalidade aproveitouse para mellorar o soporte de Ekiga
para a interacción cos servizos H.323 Gatekeeper existentes na
infraestrutura corporativa da Xunta de Galicia. Estes servizos
realizan a tradución entre direccións IP e os identificadores da
telefonía IP. Todos os desenvolvementos realizados, infórmase dende
Mancomún, atópanse acubillados na
versión de desenvolvemento pública do proxecto, estando os
relativos ao soporte de H.239 e mellora do soporte de Gatekeepers
incorporados xa na última versión estable 4.0.1. Salientar tamén
que o proxecto Ekiga está dispoñible en galego grazas á labor dos
voluntarios do proxecto
Trasno.
