AGASOL fai un chamamento a prol do software libre como alternativa seria e víabel para o noso crecemento

venres, 5 de xullo do 2013 Redacción

A Asociación de empresas Galegas de Software Libre (AGASOL) quere amosar, unha vez máis, a oportunidade para compañías, institucións e usuarios en xeral que poñen en xogo as tecnoloxías (libres, abertas, creativas) das firmas que a compoñen. E dicirmos “unha vez máis” porque as vantaxes xa levan tempo ao descuberto, a nivel xenérico e a nivel específico no caso de AGASOL, coas súas empresas achegando dende hai anos tecnoloxías opensource que salientan non só polo súa adaptabilidade e versatilidade, senón tamén pola súa calidade e, a maiores, a súa meirande accesibilidade económica para as empresas usuarias. Ao fío deste último punto, AGASOL considera que o software libre é máis idóneo ca nunca, por eficiencia económica e calidade pero tamén polo intre económico que estamos a vivir.
Porén, a plataforma empresarial galega confirma nun comunicado de seu que aínda fica pendente traballo por facer, malia os pasos “moi definidos e importantes na difusión de ferramentas de código libre en eidos moi dispares”. Neste senso, AGASOL avoga por unha liña de acción máis transversal que, de xeito inevitable, pase por un cambio de conciencia sobre as necesidades no ámbito tecnolóxico-dixital. A xuízo da asociación, “a aposta polo software libre debe ir alén das colaboracións puntuais e a política de subvencións para ser tida en conta como unha alternativa seria, viable e que sexa o sustento doutra maneira de entender a xestión dos programas, piar básico, por exemplo, da administración”.
Lembrar que a promoción do software libre levada a cabo por AGASOL nos últimos anos plásmase en catro eixos principais: a mellora da xestión, a formación, a internacionalización e a aplicación a novos eidos de actividade. No que ser refire ao primeiro dos eixos, AGASOL deseñou un aplicativo web de software libre -Navalplan- nun estaleiro e en dúas empresas auxiliares. No segundo, engade a asociación, impulsouse Abalar, que coordina a Consellería de Educación, e que consiste na integración das TIC no eido educativo integrando programas abertos nos equipos portátiles do alumnado e o profesorado, así como nos servidores dos centros educativos, “para o cal é precisa unha constante formación en contidos dixitais, na que tamén participa AGASOL”, explícase.
En materia de internacionalización e colaboración con entidades de alén das nosas fronteiras, a plataforma empresarial ten participado xunto con outras entidades do sector nun proxecto impulsado polo IGAPE e destinado a tender pontes ás empresas de software libre galego para o intercambio empresarial con membros dos países BRIC. Asemade, e referíndonos ao cuarto eixo, AGASOL desenvolve encontros para dar a coñecer as solucións das súas empresas, contemplándose na súa axenda a celebración de máis actividades de colaboración co desenvolvemento promovido polos axentes do terceiro sector a partir das solucións prácticas e gratuítas que ofrece o software libre.