AMTEGA pon en marcha unha nova edición de Tecnólogo por un día

venres, 25 de outubro do 2019 Redacción

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de iniciar unha nova edición do programa Tecnólogo por un día, que brinda a estudantes de 12 a 17 a oportunidade de experimentar “en primeira persoa” unha xornada laboral con profesionais de empresas do sector TIC en Galicia. É unha das iniciativas do Plan de Promoción de Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent.
Segundo informa AMTEGA esta terceira edición ofrece 74 prazas, “unha cifra récord desde o seu lanzamento”, grazas a colaboración de 12 entidades que, xunto coa axencia autonómica repetirán a experiencia: Altia, Coremain, DXC Technology, Everis, IECISA, Orange, SIVSA, Corporación Televés e os socios do Clúster TIC Galicia Aldaba, Dos espacios, Sixtema e Tecalis.
Nesta nova quenda prestarase especial atención a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos eidos STEM (polas súas siglas en inglés Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), reservando un terzo das prazas para as nenas.
Ata o 8 de novembro ficará aberto o prazo para que o persoal docente inscriba ao alumnado interesado en participar, cumprimentando o formulario dispoñible no espazo web DigiTalent, onde poderán consultar as prazas ofertadas por cada empresa colaboradora así como a súa localización, indicando as preferencias do alumnado.
Na mesma web tamén se atopa dispoñíbel documentación de referencia para que docentes, alumnado e profesionais das entidades colaboradoras coñezan todos os detalles da actuación e aclaren calquera dúbida que poidan ter.
Unha vez finalizado o período de inscrición, as prazas asignaranse aplicando o resultado dun sorteo e a continuación serán as empresas as que se poñan en contacto co alumnado seleccionado para concretar a data e o horario da xornada que resulte conveniente para ambos.
Durante os meses de novembro e decembro as entidades colaboradoras acollerán nas súas instalacións aos participantes co fin de mostrarlles “as dinámicas das profesións TIC, aclarar as súas dúbidas vocacionais e ofrecéndolles a oportunidade de participar directamente en actividades que os profesionais teñan na súa axenda como sesións de traballo, reunións con clientes e socios tecnolóxicos, etc”, engade AMTEGA.
Facendo un algo de reconto, a axencia lembra que até o de agora o programa espertou o interese de máis de 300 estudantes e contou coa implicación de máis de 70 docentes de máis de 60 centros educativos galegos distintos.
Por outra banda, os máis de 100 participantes nas edicións anteriores tiveron a oportunidade de mergullarse en proxectos tecnolóxicos de selo galego en sectores e ámbitos como administración, o retail, a industria ou o transporte, entre outros.

PUBLICIDADE