Aberto o prazo de inscrición para participar na Galicia Maker Faire 2017
luns, 26 de xuño do 2017
- Presentación da nova entrega de Galicia Maker Faire na Cidade da Cultura
O
evento Galicia Maker Faire vainos poñer ás galegas e aos galegos no
punto de mira da comunidade internacional argalleira, inventora e
innovadora. Case nada. Trátase, para quen non o saiba, dunha cita
compostelá que leva tres anos collendo cada vez máis folgos e que
nesta edición, a terceira, celébrase con máis azos ca nunca na
Cidade da Cultura os días 24, 25 e 26 de novembro. O obxectivo da
organización é crear a feira de inventores máis importante do
noroeste estatal e (por que non?) de todo o ámbito español. Máis
polo miúdo, do que se trata é de xuntar baixo un mesmo teito (o
Gaiás) aos argalleiros máis innovadores de Galicia e do mundo
arredor de proxectos que abranguen áreas tan diversas como a
gastronomía, a electrónica, a mecánica, a robótica, a música, a
ciencia, a arte urbana ou a artesanía, por citar só algunhas.
Segundo nos contou hoxe a organización do evento, xa foi activada a
chamada a makers. Podemos encher o formulario de inscrición
de proxectos a través da páxina da feira, galicia.makerfaire.com.
O
prazo remata o 15 de outubro, e de tódalas propostas achegadas
farase unha selección final que se incluirá no programa de
actividades e contidos desta edición de 2017. “A innovación, a
orixinalidade e a interactividade co público son os aspectos que
máis valoramos á hora de elixir os proxectos” aseguran dende a
organización. “Tódalas disciplinas son benvidas”.
Presentación
en maio
Como
lembraremos a terceira edición de Galicia Maker Faire foi presentada
o pasado 31 de maio no Gaiás, en Santiago. O acto veu acompañado
da formalización dun convenio (asinado entre a Fundación Cidade da
Cultura e a Concellaría de Desenvolvemento Económico de Santiago)
que en boa medida renova a alianza Concello-Xunta para promover a
Cidade da Cultura como “espazo de creación empresarial no ámbito
das industrias creativas”.
Na
formalización do acordo e na posterior rolda de prensa para
presentar a Galicia Maker Faire participaron a concelleira de
Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois; a
directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel
Vázquez, e os organizadores do evento, Enrique Saavedra e Matilde
Rodríguez.
Segundo
fixeron saber, as Maker Faire son “as meirandes feiras de
inventores do mundo, escaparates para a creatividade e o enxeño,
pensados para tódolos públicos e disciplinas: gastronomía,
robótica, mecánica, ciencia, arte urbana, música, electrónica,
artesanía, etc.... un lugar, en definitiva, para compartir
coñecemento, descubrir proxectos fascinantes e facer contactos
profesionais”.
A
edición galega do evento, a feira compostelá presentada este 31 de
maio, é en palabras dos participantes na rolda de prensa “a máis
importante da Península”. E é así “tanto por número de
argalleiros participantes como de público”. O evento santiagués,
engadiron, “está entre os cinco con máis visitantes de Europa,
logo de grandes cidades como Roma ou París”.
Na
presentación tamén se lembrou que durante as edicións de 2015 e
2016 acudiron máis de 24.000 asistentes e máis de 300 makers
dando conta dos seus enxeños, converténdose “en punto de encontro
dos mellores creadores da Comunidade e axudando a potenciar unha
Galicia máis innovadora e colaborativa”, explicouse.
Nesta
nova edición, ademais, puxéronse en xogo unha serie de novidades.
Por exemplo o cambio de emprazamento, que pasa a ser a Cidade da
Cultura, con todo o que de visibilidade e amplitude implica o troco
de localización. Ademais, a feira terá un día máis de actividade,
o venres 24 de novembro, que se reservará para o sector profesional,
“favorecendo que os expositores poidan dirixir dun xeito máis
óptimo a súa oferta de produtos e servizos, diversificándose en
función do diferente público obxectivo”. A fin de semana do 25 e
26 manterase para o público xeral.