Ábrese a inscrición para a Maker Faire Galicia que terá lugar en outubro
mércores, 20 de xullo do 2016
- Chus Prol adiantou no TEDxGalicia que este ano a Compostela Mini Maker Faire pasará a responder ao nome de Maker Faire Galicia
A pasada fin de semana no marco
do TEDxGalicia, Chus Prol, a xestora de Doutroxeito Coworking, deu conta da
pasada celebración da Compostela Mini Maker Faire en Área Central,
adiantando que este evento de reivindicación da cultura Maker reformularase
este ano deixando o ámbito local para dirixir a vista a toda a comunidade
galega, de xeito que teremos unha Maker
Faire Galicia.
O novo evento vén de abrir
a súa inscrición, para que os interesados en realizar obradoiros,
espectáculos ou outras actividades Maker poidan manifestar o seu interese nesta
cita que terá lugar no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia entre os
días 1 e 2 de outubro.
Tras o éxito do anterior encontro Maker é de esperar que estamos ante unha
interesante feira da innovación galega que contribuirá a dar visibilidade a un
xeito de facer as cousas no que a colaboración, o coñecemento aberto e as
inquedanzas por aprender e experimentar con novas tecnoloxías abren unha chea
de oportunidades para o emprendemento e a creación, de xeito que tanto
poderemos atopar aplicacións artísticas ou artesanais, como iniciativas
empresariais, servindo este tipo de eventos para facilitar tamén a creación de
sinerxías entre os profesionais que avogan pola cultura Maker.
- A Compostela Mini Maker Faire contou con multitude de actividades en ámbitos tan diversos como os drons, a música ou a gastronomía
Vídeo no que se remuse a pasada edición da Compostela Mini Maker Faire