Adobe Premiere ultima a súa chegada a dispositivos móbiles

xoves, 4 de setembro do 2025 Redacción

O lanzamento da aplicación Adobe Premiere para dispositivos iPhone e iPad estará dispoñible na App Store a partir do vindeiro día 30, segundo vén de anunciar Adobe, asegurando que a aplicación foi deseñada dende cero para ofrecer unha experiencia móbil fluída, potente e intuitiva, sen marcas de auga nin distraccións.
A aplicación, que conserva a esencia da versión de escritorio, incorpora unha liña de tempo multipista, formas de onda dinámicas e ferramentas de edición de precisión a nivel de fotograma. Os usuarios poderán superpoñer capas ilimitadas de vídeo, audio e texto, aplicar subtítulos automáticos estilizados e traballar con contido en resolución 4K con HDR. Esta proposta busca satisfacer tanto a creadores de contido para redes sociais como a profesionais que producen material para clientes ou proxectos comerciais.
Un dos aspectos máis innovadores da aplicación é a integración de Adobe Firefly, a tecnoloxía de intelixencia artificial xerativa da compañía. Grazas a ela, os usuarios poderán xerar efectos de son, imaxes e adhesivos personalizados a partir de descricións textuais, garantindo contido exclusivo e seguro para uso comercial. Ademais, a función de mellora de voz permite gravar narracións con calidade de estudio, mesmo en ambientes ruidosos.
Premiere para iPhone e iPad tamén ofrece unha ampla biblioteca de recursos creativos gratuítos, incluíndo música libre de dereitos, fontes de Adobe Fonts e axustes preestablecidos de Lightroom. A aplicación permite adaptar automaticamente o tamaño dos vídeos para diferentes plataformas sociais e exportar con un só toque a TikTok, YouTube Shorts e Instagram.
Segundo Adobe, esta iniciativa responde ao desexo de facilitar a creación de contido desde calquera lugar, sen comprometer a calidade nin o control creativo. A compañía tamén adiantou que a versión para Android da aplicación está actualmente en desenvolvemento.