Alejandro Mayorga explora no CITIC a aprendizaxe automática cuántica aplicada á medicina do sono
mércores, 29 de outubro do 2025

Este martes 28 de outubro celebrouse unha nova edición dos Almorzos TIC Talk, o ciclo de conferencias organizado polo CITIC da Universidade da Coruña, que desta volta contou co relatorio de Alejandro Mayorga Redondo titulada Quantum Machine Learning applied to signal processing in sleep medicine.
Durante a sesión, Mayorga abordou como a combinación de Intelixencia Artificial e Computación Cuántica está a dar lugar a unha nova disciplina cun gran potencial: a aprendizaxe automática cuántica (Quantum Machine Learning), unha ferramenta de gran potencial para “a análise dos complexos sinais fisiolóxicos rexistradas durante o sono, un ámbito clave dentro da medicina do sono”.
O relator explicou que técnicas como a polisomnografía, que rexistran sinais eléctricos e motores do paciente ao longo da noite, xeran grandes volumes de datos cuxa interpretación pode beneficiarse do uso de modelos cuánticos. Na súa intervención, presentou os modelos desenvolvidos, os resultados obtidos ata o momento e as liñas de traballo futuras da súa investigación.
A investigación de Alejandro Mayorga enmárcase no proxecto New Generation Machine Learning Algorithms for the Analysis of Medical Sleep Recordings (NEXT-GEN-SOMNUS), centrado no desenvolvemento de novos algoritmos de aprendizaxe automática para a análise de rexistros médicos do sono.
