Alejandro Pazos (CITIC) analizou os perigos para a saúde do uso excesivo das tecnoloxías
venres, 19 de xaneiro do 2024
A Real Academia de Medicina de Galicia (RAMG) acolleu na tarde deste xoves 18 de xaneiro unha sesión científica en colaboración con DKV, titulada Saúde Dixital: Ciberpatoloxías, na sede da institución na Coruña, a partir das 19:00 horas. O investigador do CITIC, catedrático da UDC (Universidade da Coruña) e Académico da RAMG, Alejandro Pazos Sierra, abordou os riscos para a saúde derivados do uso non prudente das tecnoloxías, destacando posíbeis afectacións a nivel físico, sensorial e cognitivo.
A sesión foi presentada polo doutor Jesús Reboredo, director médico territorial de Galicia de DKV, e contou coa presenza do tamén doutor Francisco Martelo, presidente da RAMG, na clausura.
Na súa intervención, Alejandro Pazos analizou as alteracións da saúde producidas polo uso excesivo das tecnoloxías, agrupándoas en tres ámbitos: postural ou músculo-esquelético, sensorial e cognitivo ou mental. Deste xeito, o investigador do CITIC falou de trastornos como o “síndrome do túnel carpiano”, o “cóbado de selfie” e o “tech-neck” ou “text-neck”. Así mesmo, profundou en problemas sensoriais como a “tensión ocular” e a “hipopacusia prematura”, así como alteracións cognitivas como a “fatiga por vídeo-conferencias”, o “síndrome FOMO”, “o doutor Google”, a “selfiedependencia” ou o “insomnio”, entre outros.
Os asistentes tiveron a oportunidade de comprender mellor os impactos negativos do uso excesivo de tecnoloxías na saúde e recibiron claves para o diagnóstico e tratamento destas ciberpatoloxías.
Alejandro Pazos Sierra, catedrático da área de Ciencias da Computación e Intelixencia artificial da UDC, é licenciado en Medicina pola USC e Doutor pola Universidade Complutense de Madrid. Membro do Comité Científico do Instituto de Investigacións Biomédicas da Coruña (INIBIC) e do CITIC da UDC, Pazos conta cunha ampla traxectoria en xestión de I+D+i e TT, con máis de 60 proxectos, 25 patentes e rexistros de software.