Álvaro Ordóñez (CiTIUS) gaña o premio á mellor tese de teledetección 2021

luns, 6 de marzo do 2023 S. P.

Álvaro Ordóñez, investigador egresado e colaborador do CiTIUS (centro de Intelixencia Artificial da Universidade de Santiago), recibiu este venres 3 de marzo o Premio á Mellor Tese de Teledetección de 2021. O galardón foille concedido no marco da sexta edición destas relevantes distincións, que concede o capítulo español do IEEE-GRSS (Sociedade de Xeociencia e Teledetección) do prestixioso IEEE (Institute of Electrical and Electronics Engineers), asociación mundial de enxeñeiros dedicada á normalización e o desenvolvemento en áreas técnicas. O xurado salientou “a calidade dos traballos presentados”, destacando tamén que “supuxeron interesantes achegas ao eido científico da computación, así como ao do sensado remoto”.
En palabras de Álvaro Ordóñez, “sempre é gratificante que recoñezan o teu labor, e especialmente cando se trata dun premio á túa tese, xa que se trata dun traballo de investigación de varios anos”. O investigador reflexiona tamén sobre o valor do traballo en equipo: “Vexo o premio como un recoñecemento non só a nivel persoal, senón grupal, xa que nunha tese os directores teñen tamén un papel importante, e ao final o premio é un indicador de que estamos no bo camiño”.
A tese de Álvaro Ordóñez, titulada Efficient Registration of Multi and Hyperspectral Remote Sensing Images on GPU e dirixida polos profesores da USC Dora Blanco (investigadora vinculada do CiTIUS) e Francisco Argüello, abordou durante os últimos anos o desenvolvemento de algoritmos eficientes para aliñar automaticamente imaxes multi e hiperespectrais de teledetección.
Segundo explican fontes da USC, a idea orixinal xurdiu “da necesidade de dispoñer de algoritmos que permitisen aproveitar a gran cantidade de información contida neste tipo de imaxes”. Deste xeito, tratábase de desenvolver “ferramentas capaces de procesar a enorme cantidade de datos que se captura diariamente sobre o noso planeta, tanto desde satélites como desde UAVs (drons) ou avións”.
O propio investigador premiado explicábao deste xeito: “Para sacar partido de toda esa información, temos que aliñar imaxes tomadas en distintas datas e desde distintas plataformas, en mancheas de aplicacións... por exemplo, para realizar agricultura de precisión, ou para observar a evolución de catástrofes naturais”. A investigación realizada durante esta tese quedou plasmada na publicación de diversos algoritmos que son quen de aproveitar a información espectral e espacial para obter aliñamentos mellores e, ademais, facelo nun tempo de computación moi reducido, grazas ás implementacións paralelas realizadas en GPU de nVIDIA e clústers de computación de altas prestacións.
O acto de entrega dos premios celebrouse este venres 3 de marzo ao longo dun evento online, no que os premiados fixeron unha breve retrospectiva das súas carreiras académicas e liñas de investigación.

PUBLICIDADE