Amazon estrea un servizo de streaming musical

xoves, 13 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Aínda que polo momento o servizo está limitado ao outro lado do Atlántico, parece que a guerra pola música en streaming vai ser aínda máis crúa, xa que a compañías como Apple, Google e Spotify súmaselles Amazon, que vén de lanzar Music Unlimited, un servizo de música que sorprende pola súa estrutura de prezos, xa que, aparte do prezo case estándar de 9,99 dólares/mes, ofrécese a 7,99 dólares/mes para subscritores de Amazon Prime e a 3,99 dólares/mes a usuarios dun Amazon Echo.
Music Unlimited ofrece ducias de millóns de cancións, incluíndo novos lanzamentos, que poden escoitarse sen publicidade, permitindo saltar cancións sen limitacións e ofrecendo a posibilidade de escoitar a música fóra de liña, ou sexa, o habitual nos servizos da competencia, aos que tamén imitará ofrecendo un plan familiar de 14,99 dólares/mes para até 6 usuarios. O prezo tamén pode parecer máis atractivo se falamos de cotas anuais, xa que os membros de Prime pagarían 79 dólares/ano e o plan familiar sairía en 149 dólares/ano, o que si suporía un aforo interesante.
Un dos detalles máis rechamantes deste novo servizo é que está ligado a Alexa, o asistente persoal de Amazon, o que permite funcionalidades sorprendentes como o feito de poder pedirlle a un altofalante Echo que reproduza unha canción que inclúa un texto determinado na súa letra, ou sexa, que non se limitaría a permitir reproducións por autor ou título. Tamén conta con listaxes de reprodución e a posibilidade de instar ao sistema a seleccionar música en función das actividades que esteamos a facer ou do noso estado de ánimo, algo no que tamén traballan con bastante intensidade o resto de plataformas, pois entenden que a personalización é clave para o éxito deste tipo de solucións tan individuais.

Vídeo de presentación de Music Unlimited

PUBLICIDADE