Amparo Alonso, galardoada por El Correo Gallego

martes, 19 de xaneiro do 2021 Redacción

Amparo Alonso, investigadora do Centro de Investigación TIC, CITIC, foi galardoada co Premio Galegas/os do Ano 2020 outorgado por El Correo Gallego, que celebra a súa trixésimo primeira edición. Estes premios buscan recoñecer ás persoas máis destacadas de Galicia.
Segundo reflicte o devandito medio compostelán, as persoas galardoadas son elixidas por medio milleiro de cidadáns de diferentes ámbitos sociais e profesionais que son consultados en cada edición. Este ano, a cerimonia de entrega foi aprazada debido ao COVID-19.
A investigadora Amparo Alonso foi unha das galegas destacadas nesta edición. É catedrática de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña e presidenta da Asociación Española para a Intelixencia Artificial (AEPIA). Tamén forma parte do Consello Asesor de Intelixencia Artificial, responsable do asesoramento ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital no deseño da proposta das políticas do Goberno en materia de Intelixencia Artificial.

PUBLICIDADE