Anthropic chega a un acordo económico para evitar un xuízo por violación de dereitos de autor

venres, 5 de setembro do 2025 Redacción

A compañía de intelixencia artificial Anthropic chegou a un acordo millonario cos autores que a demandaran por empregar obras protexidas sen permiso no adestramento dos seus modelos. O documento, presentado ante o Tribunal do Distrito Norte de California, recolle un fondo de 1.500 millóns de dólares que servirá para indemnizar os demandantes e pechar de maneira preliminar o proceso xudicial iniciado baixo o nome Bartz et al. v. Anthropic.
Segundo o texto, a empresa comprométese a dotar un fondo inicial de 250 millóns de dólares e a achegar o resto en pagamentos periódicos ao longo dos vindeiros anos, ata cubrir a cantidade total pactada. O acordo inclúe tamén o pagamento de xuros a favor dos beneficiarios no caso de atraso nos prazos fixados.
O colectivo de autores que forma parte da clase demandante está definido como aqueles cuxas obras aparecen nunha listaxe concreta, compilada a partir dos repositorios LibGen e PiLiMi, utilizada no proceso de adestramento dos modelos de linguaxe da compañía. O pacto non afecta a posibles reclamacións por usos futuros posteriores ao 25 de agosto de 2025, mais establece unha renuncia xeral ás reclamacións anteriores a esa data en relación coas prácticas denunciadas.
Anthropic non recoñece responsabilidade legal, pero xustifica a decisión pola necesidade de evitar a incerteza, os custos e a duración dun litixio prolongado que podería impactar no seu desenvolvemento empresarial. O tribunal debe agora aprobar preliminarmente a conciliación, abrir o período de notificación aos afectados e fixar audiencia para a súa validación definitiva.
A operación sitúa a Anthropic como unha das primeiras compañías do sector da IA en chegar a un pacto financeiro de tal magnitude por cuestións de dereitos de autor, nun contexto de crecente tensión entre a industria tecnolóxica e os creadores de contidos. O acordo podería servir de referente para outros litixios pendentes contra empresas que adestran sistemas de intelixencia artificial con material protexido.