Apple Intelligence comete grandes erros ao resumir titulares de prensa

martes, 7 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

Aínda que até abril non chegará a España, a intelixencia artificial de Apple xa está presente en moitos móbiles británicos, para desesperación de medios de comunicación como a BBC, que leva semanas queixándose de que Apple Intelligence comete importantes erros nos seus resumos de notificacións, especialmente nas relativas a titulares de prensa.
Dende a BBC comentan auténticos desastres coas súas novas, como cando se puido ver nunha notificación da aplicación BBC News que o acusado de asasinato Luigi Mangione se suicidara (algo que non aconteceu) ou como a aplicación do New York Times amosaba o titular do arresto do primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu.
Nos últimos días a cousa non foi a mellor, e nos dispositivos de Apple podía lerse o resultado da final do Campionato Mundial de Dardos cando aínda non se disputara, ou incluso se falaba da saída do armario do tenista Rafael Nadal asegurando que é brasileiro (cando realmente a nova se refería a João Lucas Reis da Silva, quen simplemente felicitaba o aniversario á súa parella a través de Instagram).
A BBC pide medidas urxentes a Apple, asegurando que o sistema de resumos mediante IA está fóra de control, e polo momento a única resposta que recibiron foi que están a traballar nun xeito de que estas notificacións deixen claro que corresponden a resumos feitos por unha IA, o que dende Reporteiros Sen Fronteiras consideran insuficiente, e cren que debería retirarse un produto que contribúe á desinformación do público.
Cómpre salientar que os usuarios poden desactivar os resumos das notificacións, pero os creadores de aplicacións tamén deberían ser quen de impedir que a IA interprete erradamente os seus titulares como medida preventiva.