Apple incrementa o prezo de varios dos seus servizos

mércores, 26 de outubro do 2022 Marcus Fernández

Nos últimos meses afixémonos a que Apple subise os prezos dos seus produtos ao lanzar novos modelos, pero agora leva esa política aos servizos, o que resulta máis preocupante, incrementando os prezos das subscricións de Apple One, Apple Music e Apple TV+ dun xeito significativo.
Apple One é un servizo que agrupa baixo unha única subscrición Apple Music, Apple TV+, Apple Arcade, iCloud+ e Apple Fitness+, e que pasa a custar 16,95 euros/mes no plan indivisual, 22,95 euros/mes no plan familiar e 31,95 euros/mes no plan Premium. Pero non é precisamente o máis contratado polos usuarios, resultando curioso que agora o plan individual de Apple Music pase a custar 10,99 euros/mes e o plan familiar 16,99 euros/mes, de forma que pasaría a custar máis que Spotify, o seu competidor máis directo, o que tamén crea certa preocupación entre os consumidores, pois podería ser o comezo dunha suba de prezo por parte dos distintos servizos de streaming musical.
Resulta bastante difícil de entender a suba de prezo de Apple TV+, custando agora 6,99 euros/mes, pois das plataformas de streaming globais é, sen lugar a dúbidas, a que conta co catálogo máis pobre, polo que un prezo de 4,99 euros/mes podía ser xustificable, pero que custe máis que Amazon Prime Video e do que pagan a meirande parte de usuarios por HBO Max resulta difícil de xustificar. De feito, ten case o prezo de Movistar Plus+ Lite, servizo que ofrece unha selección de canles de televisión e numerosos contidos á carta que superan por moito a oferta de Apple.
Dende Apple xustifican que a subida de prezo de Apple TV+ débese a que agora a plataforma ten moito máis contido que no seu inicio, pero omiten conscientemente que a meirande parte dos seus subscritores non pagaron nada polos 2 primeiros anos do servizo (xa que ofrecíase de balde ao mercar dispositivos da compañía da mazá) e incluso hai numerosas subscricións de varios meses de balde ao activar unha conta de usuario en consolas de videoxogos e televisores, polo que pretender captar por un prezo elevado a usuarios non afeitos a pagar polo servizo ou a pagar unha cantidade reducida resulta pouco razoable.
En calquera caso será moi difícil saber se esta política de prezos de Apple funciona ben para a compañía, pois non é nada transparente á hora de dar datos sobre os seus servizos, o que parece ser a tónica habitual deste tipo de plataformas, que parecen querer comparar unicamente con sigo mesmas.

PUBLICIDADE