Aquafit e o Concello de Rianxo achegan á veciñanza unha app para estar en forma durante o confinamento
mércores, 25 de marzo do 2020
O
Concello de Rianxo e Aquafit, xestora en concesión da Piscina
Municipal, veñen de xuntar forzas para facer máis levadío o estado
de alarma as veciñas e veciños e para axudalas e axudalos e manter
rutinas saudábeis malia o confinamento forzoso derivado do avance da
pandemia. En concreto, Aquafit
e o Concello achegaron unha aplicación de balde para móbiles que
axuda aos usuarios a adestrarse e manterse en forma dende a casa.
A aplicación, froito dun acordo entre as dúas entidades, posibilita
o acceso a máis de 300 clases virtuais que se ponde realizar dende o
fogar de cada quen a calquera hora do día.
Desde
BeOne, grupo empresarial ao que pertence Aquafit, explican que “non
é o momento de volverse sedentario. A actividade física fainos
estar máis sans e fortes e é crucial para aliviar a tensión que
poida causar o confinamento”.
Polo
que se refire ao Servizo Municipal de Deportes de Rianxo, fixo saber
que o exercicio físico é unha das principais armas das
consecuencias da reclusión: “O movemento é unha vacina
imprescindíbel ante os efectos nocivos para a saúde do
confinamento, tanto a nivel físico como mental ou fisiolóxico”.
Por
todo o devandito, o Grupo BeOne e o Concello de Rianxo abriron esta
iniciativa a toda a veciñanza de Rianxo ofrecendo, de xeito libre e
gratuíto, a posibilidade de acceso á aplicación de BeOne.
Como
usar a ferramenta
Para
dar uso á aplicación temos que rexistrarnos na páxina web de BeOne e obter as
claves de acceso, co que podemos empezar xa a facer exercicios dende
o fogar. Ademais, se queremos ampliar o abano de actividades a
desenvolver, desde a conta de Instagram oficial de BeOne
(beone_fitness_sport) impártense a diario clases en directo e en
aberto de todo tipo de disciplinas: pilates, baile, tonificación...
Ademais dispoñen de actividades orientadas ás familias e a persoas
maiores.