As Ray-Ban Meta desactivan a súa cámara se detectan modificacións no LED de gravación
mércores, 8 de xullo do 2026
Recentemente a xornalista tecnolóxica Joanna Stern publicou unha reportaxe sobre a proliferación de servizos de modificación de lentes Ray-Ban Meta para inhabilitar o seu LED de gravación e así poder realizar gravacións de vídeo sen que outras persoas poidan decatarse.
Stern acudiu ao Marketplace de Facebook para localizar estes servizos de modificación de lentes Ray-Ban Meta e contratou un en New Jersey no que lle permitiron filmar a operación na que estragaban fisicamente o LED das lentes e aplicaban unha resina para que non se percibise a simple vista tal modificación.
Na investigación realizada por Joanna Stern en colaboración con NBC News atoparon ofertas deste servizo en máis de 30 estados, pese aos intentos de Meta (que curiosamente é a compañía responsable dun dos servizos nos que se promocionan).
Esta situación levou a que dende Meta publicasen un comunicado explicando o funcionamento do LED de gravación das súas lentes, lembrando que ten medidas para evitar que se tape (se as lentes detectan que o LED está tapado desactivan a toma de fotografías e vídeos) e dando conta dunha actualización para as lentes que detectarán cando o LED foi estragado fisicamente, situación na que desactivarán a cámara.
Tamén comentan que están a eliminar todos os anuncios de servizos de modificación de lentes, vetando ás contas de usuario que realicen tal práctica e incluso exercendo accións legais contra as persoas e empresas que comercialicen servizos deseñados a evitar esta medida de protección da privacidade dos usuarios.

- Boa parte dos anuncios dos servizos de modificación das Ray-Ban Meta publícanse no Marketplace de Facebook
Vídeo de Joanna Stern sobre a modificación das lentes Ray-Ban Meta
