As aulas CeMIT planificaron este ano máis de 3.000 actividades formativas
xoves, 28 de novembro do 2024
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) acolleu este xoves 28 de novembro o II Encontro de dinamizadores da Rede CeMIT baixo o lema Cara a plena capacitación dixital da sociedade galega, destinado a axentes TIC da Rede CeMIT de toda Galicia. As 93 aulas CeMIT, presentes en 90 concellos de toda Galicia, acollen anualmente máis de 40.000 horas de formación dirixidas ás case 120.000 persoas usuarias, segundo informou a axencia autonómica, engadindo que este ano planificaron “máis de 3.000 actividades dirixidas a máis de 16.000 persoas”.
O director da Área de Sociedade Dixital da AMTEGA, Miguel Rodríguez Quelle, agradeceu ás persoas responsábeis das aulas CeMIT o seu importante labor na alfabetización e capacitación dixital da cidadanía galega. Sinalou, ademais, “que a Rede CeMIT segue a ser un dos instrumentos fundamentais dentro do Plan DigiTalent 2030: Camiña en dixital, plan dirixido a fomentar a igualdade de oportunidades na sociedade dixital e a conformación dunha cidadanía capacitada para utilizar servizos tecnolóxicos cada vez máis avanzados”. Lembrou que como entidade colaboradora, a rede CeMIT está “a xogar un papel fundamental na promoción de capacitación para a obtención da certificación dentro do Marco Galego de Competencias Dixitais”. Na xornada presentouse tamén a nova convocatoria dos Premios Axentes TIC, que teñen como finalidade recoñecer o compromiso e o labor desta figura. esta segunda edición haberá unha nova categoría e máis premios económicos.
Por outra banda, impartíronse dúas sesións formativas coa colaboración do aliado dixital NTT Data sobre metodoloxías innovadoras e recursos para as aulas e sobre a Intelixencia Artificial.