As empresas galegas Aeromedia, Cerna, Balidea e Greenalia revolucionan con XESTAL a xestión de recursos forestais
xoves, 25 de marzo do 2021
Na
mañá deste 25 de marzo presentouse
no Centro Experimental Áncora (Cervo-Lugo), xestionado polo
Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), un proxecto tecnolóxico a
catro mans destinado a revolucionar a xestión dos recursos
forestais. Trátase de XESTAL (Xestión Forestal Sostible
Mediante Teledetección Remota), impulsado por un consorcio formado
polas empresas Aeromedia, Cerna, Balidea e Greenalia, e que conta coa
colaboración da Universidade de Santiago (USC), o Instituto
Tecnolóxico de Galicia (ITG) e a Xunta de Galicia. Botando man de
tecnoloxías avanzadas de detección mediante drons, XESTAL marcará
un antes de un despois no control e explotación dos nosos bosques.
A
cita de hoxe incluíu entre outras cousas unha demostración na que
un UAV (Vehículo Aéreo non Tripulado) realizou medicións de masa
forestal que permiten calcular de forma áxil a altura das árbores,
o seu diámetro, especie ou volume de madeira, parámetros todos eles
que en moitos casos séguense recollendo a man, explicaron as
empresas integrantes do consorcio, engadindo que XESTAL engadirá
importantes extras de produtividade e eficacia ás empresas forestais
e, tamén, ás administracións públicas, xa que lles permitirá
garantir a autonomía, a eficacia e a sustentabilidade dos traballos
ao tempo que reducen o custe de todas as operacións. “O proxecto
está concibido para a optimización de procesos crave na xestión de
recursos forestais, como as actuacións que implican os plans de
ordenación forestal (podas, adecuación de pistas, etc.)”,
apuntaron as empresas, ao tempo que puxeron o foco no valor que pon
en xogo para dar soporte a procesos de sistemas de certificación
forestal, como o FSC ou o PEFC.
Empresas
e tecnoloxías gañadoras
O
consorcio de entidades que desenvolveu esta iniciativa que integra
tecnoloxía e I+D, formado polas empresas galegas Aeromedia, Cerna,
Balidea e Greenalia, ademais da Universidade de Santiago de
Compostela (USC) e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), e que
contou coa colaboración da Xunta de Galicia, combinou o
desenvolvemento dun sistema SIX (Sistema de Información Xeográfica)
e dun dron de tipo VTOL (de á fixa con capacidade de despegue e
aterraxe vertical). Desta forma, o Sistema de Información Xeográfica
permite medir e inventariar as especies forestais máis presentes na
industria, como o eucalipto ou o piñeiro, reunindo nun único lugar
as diferentes fontes de datos usadas, como poden ser o propio dron ou
a información proporcionada polos satélites e outra cartografía
basee.
Pola
súa banda, o vehículo aéreo posibilita mellorar os rendementos de
traballo actuais na toma de datos remotos na contorna forestal. “Ao
utilizar este UAV-VTOL as mostraxes pódense realizar a baixa altura,
polo que a precisión das imaxes é moito maior, e, ademais, o custo
e tempo de preparación dun voo non tripulado son moi inferiores ao
dun tripulado”, explicaron as empresas.
Desde
Aeromedia destacan que “levouse a cabo unha inxente tarefa de
mostraxe de masas de eucalipto e piñeiro a fin de dispor de
suficientes datos de parcelas que permitisen definir un modelo de
inventario robusto; ao longo de todo o proxecto medíronse preto de
200 parcelas cun sensor LIDAR embarcado nun dron. Estas parcelas de
mostraxe repártense por uns 60 montes ao longo de 47 parroquias de
Galicia, especialmente en Lugo e A Coruña”. Aeromedia asegura que
“con XESTAL conseguiuse minimizar o traballo de campo de medición
manual ao ser suplementado cos datos tomados desde drons e logrouse
dispor dunha ferramenta SIX que optimiza as tarefas de xestión e
ordenación forestal”.
A
presentación de Xestal contou coa presenza da directora da Axencia
Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, que destacou a
contribución deste proxecto á modernización dos sectores primarios
galegos, en concreto a xestión dos recursos forestais, un dos retos
prioritarios da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de
Galicia, e a súa aposta polas tecnoloxías baseadas en vehículos
non tripulados, en liña coa iniciativa da Xunta de Galicia para
crear un Polo Aeroespacial en Galicia.
Este
proxecto de I+D+i aprobouse na convocatoria Conecta Peme 2018 da
Xunta de Galicia a través de GAIN. O desenvolvemento levouse a cabo
desde mediados de 2018 até decembro de 2020.