As ferramentas lingüísticas de GalApps, dispoñíbeis xa para iOS

martes, 14 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

Segundo nos conta o equipo de GalApps, a suite de aplicacións de lingua galega para Android da que xa temos falado en detalle, hai novidades con respecto ao alcance deste feixe de ferramentas: a súa capacidade de chegar á meirande cantidade usuarios, clave de calquera achega destas características. De feito, agora é máis que nunca universal, xa que alén do uso que lle podamos en móbiles co dito software libre, pódese empregar tamén, en virtude da versión iOS, en iPhone e iPad.
Concretamente estamos a falar das ferramentas ConxuGalego, DicionarioGalego e TradutorGaleto, todas elas integradas na suite GalApps, Toda a Lingua Galega no teu Peto. A suite, como recordaremos, permite conxugar verbos en galego, buscar o significado de termos galegos e traducir textos do galego ao español, catalán, inglés ou francés, e viceversa. Agora, esta é a gran novidade, tamén se pode facer en trebellos de Apple. Con isto, informan dende GalApps, temos unha lingua, a nosa, que é a primeira en dispor dun feixe específico de aplicacións para as dúas plataformas móbiles.
As aplicacións pódense descargar de balde na AppStore de Apple. Están dispoñibles a través das seguintes ligazóns:
· ConxuGalego (AppStore) (Android Market)
· DicionarioGalego (AppStore) (Android Market)
· TradutorGalego (AppStore) (Android Market)
Detrás deste desenvolvemento está o mesmo equipo responsábel das anteriores achegas: Sabela Barreiro, Xurxo Méndez e Juan Porta. Amais do espazo de seu para estas aplicacións, e con vistas a recollermos máis información sobre a súa liña de traballo, dicir que tamén está en activa unha conta en Twitter, onde se informa polo miúdo das actualizacións, sempre de balde, das aplicacións.

PUBLICIDADE