As mulleres que fixeron posíbel a informática centrarán unha charla no CiTIUS

luns, 3 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

Ada Lovelace será unha das tecnólogas protagonistas da cita de divulgación

O CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes) da USC vai acoller este 10 de febreiro unha xornada de divulgación tecnolóxica para reivindicar as importantes contribucións das mulleres ao desenvolvemento histórico da informática. A conferencia Ada Lovelace e as pioneiras informáticas será impartida na sede do CiTIUS a partir das 12.00 horas, da man da profesora universitaria Amelia Verdejo (USC e UVigo).
O relatorio, unha nova oportunidade para derrubar estereotipos de xénero e facer medrar a presenza de rapazas nos estudos tecnolóxicos, transmitirase en directo aos centros docentes da nosa terra, e poderase visualizar a través da web do centro singular compostelán.

Amelia Verdejo impartirá a charla na sede do CiTIUS e en streaming

Na charla, Verdejo fará un percorrido polos inicios da informática, contrapoñendo a preocupante existencia da actual fenda de xénero STEM (estudos de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) co feito de que a informática fora iniciada por unha muller, Ada Lovelace, que tivo como posteriores colegas de profesión outras importantes personalidades femininas como por exemplo Joan Clarke, que descifrou o código Enigma xunto a Alan Turing utilizando as primeiras versións de computadores como o Colossus británico, ou as integrantes do ENIAC estadounidense. A relatora tamén nos levará da man ás relevantes contribucións de Dorothy Vaughan ou Grace Hopper, que desenvolveron as primeiras linguaxes de programación como o FORTRAM ou o COBOL; ou aos traballos da científica e actriz Hedy Lamarr, cuxos sistemas usáronse para protexer as comunicacións cos mísiles durante a Segunda Guerra mundial, que son a base da actual Wi-Fi; ou ás achegas de Evelyn Berezin, quen creou en 1953 o que é considerado o primeiro ordenador de oficina.

PUBLICIDADE