As nosas investigadoras fan un chamamento para rematar co machismo dixital

xoves, 12 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

O machismo é unha lacra a combater dende todas as frontes, mesmo en frontes que pola súa modernidade deberan ser, sobre o papel, progresistas e libres de estereotipos e prexuízos, como por exemplo as frontes online. Porén, nada máis lonxe da realidade: as redes están tan cheas de machismo, misoxinia e desigualdade como todo o da nosa contorno que non son redes. En base a isto e como medida de forza para facer fronte común contra a discriminación dixital, a Escola Escola Universitaria de Estudos Empresariais da UVigo acolleu hoxe unha nova xornada da Cátedra Feminismos 4.0, impulsada pola UVigo e a Deputación de Pontevedra.
O obxectivo foi analizar a escasa presenza de mulleres nos eidos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) na universidade e no ámbito profesional e empresaria. A maiores, quíxose afondar nas orixes do machismo dixital, poñendo sobre a mesa recursos para combatelo. A xornada , que foi libre, desenvolveuse baixo o epígrafe Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado.
Segundo fixo saber a presidenta da Deputación de Pontevedra na inauguración, “no mundo dixital as cousas non só nin sequera aceptábeis e para comprobalo non hai máis que entrar cada día en calquera rede social e ler que acontece cando as mulleres manifestan a súa posición sobre o feminismo ou outros temas, as descualificacións que sufrimos son terríbeis”, salientou Silva, poñendo o foco na importancia de xornada de hoxe, unha xornada “con voz de muller científica, investigadora, formada, analítica e con moito estudo detrás que está a acontecer no que ten que ver co mundo dixital para polo enriba da mesa”.
Xunto á presidenta da deputación participaron na inauguración do encontro, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, e a subdirectora da escola, Araceli González. As tres afondaron na necesidade “de non conformarse con esta realidade e de pór en marcha diferentes medidas que axuden a espertar vocacións femininas nas ciencias e nas tecnoloxías, que sexan motor de impulso e de cambio”.

A investigadora do Centro de Investigación TIC da Coruña, Amparo Alonso

O programa das xornadas arrancou coa intervención da catedrática de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña Amparo Alonso, investigadora do CITIC da UDC, quen se centrou na súa especialidade, a Intelixencia Artificial, “a tecnoloxía que máis está mudando a nosa forma de comportarnos en sociedade”, sinalou a investigadora, ao tempo que fixo un chamamento para incrementar canto antes a presenza feminina neste ámbito. Na súa intervención afondou nas diferentes fendas de xénero que existen nas facultades de Informática, pero tamén no mundo profesional: “Hai miles de exemplos que demostran que a tecnoloxía non é neutral, nin é inocuo o resultado de ter esa desigualdade de xénero”.
Á intervención de Alonso, seguiulle un relatorio da docente e investigadora do Departamento de Didácticas Especiais da Universidade de Vigo, María Álvarez Lires. A xornada, á que asistiron arredor de medio cento de persoas, continuou cunha mesa redonda na que participaron a docente e investigadora da UVigo Amelia Verdejo Rodríguez; a comunicadora audiovisual de videoxogos e coordinadora de Protesto, o primeiro libro de gamestudies en castelán con perspectiva de xénero, Marina Amores (Blissy), e a tradutora especializada en textos científico-técnicos e en localización de software e páxinas web, Mercedes Rodríguez García. “É un cadro de relatoras conformado por mulleres de luxo, potentísimas, que deberían ser referencia para o conxunto da sociedade”, destacou a presidenta da deputación, que convidou a todas as e os asistentes a ser “co-partícipes das súas reflexións e coñecementos”.

PUBLICIDADE