As nosas pemes e grandes empresas superan a media estatal no uso da IA

mércores, 7 de xuño do 2023 S. P.

O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), dependente da axencia autonómica AMTEGA, presentou un novo estudo que pon o foco na presenza das ferramentas dixitais avanzadas no tecido produtivo da nosa terra. Nel achéganse datos moi destacados, como o feito de que as pemes e as grandes empresas galegas superen a media estatal no uso da Intelixencia Artificial. En concreto, as empresas de 10 ou máis persoas empregadas están tres puntos por enriba do 14,8% do conxunto do Estado. A porcentaxe de microempresas galegas que aplica esta tecnoloxía sitúase no 4,6%, unha cifra idéntica á da media española.
Na investigación tamén se fai saber que as solucións de IA máis empregadas nas pemes e grandes empresas son as relativas á automatización de fluxos de traballos e toma de decisións, así como a conversión da linguaxe falada en formato lexíbel por unha máquina. Nas empresas de menos de 10 persoas empregadas sobresae o seu uso para converter a linguaxe falada en formato lexíbel por unha máquina.
Son datos recollidos no informe Galicia. A economía en dixital. A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia, correspondente ao ano 2022.
O informe sinala tamén a evolución positiva no uso de Big Data, tanto as empresas de máis de 10 persoas empregadas como nas microempresas, que acadaron un 11,4% (2 puntos máis que o ano anterior) e un 3,7%, respectivamente.
O uso de robots por parte das empresas galegas xa ten valores próximos ao 8%, dato similar ás media estatal. Das grandes empresas que utilizan robots, máis do 85% son robots industriais e arredor dun terzo son robots de servizo.
Tamén se fai saber que o 20% das empresas galegas de 10 ou máis persoas empregadas contratan especialistas TIC fronte á media estatal que se sitúa no 17%. No caso das microempresas, a súa presenza é moito menor (1,3%), “pero en termos similares aos valores que rexistra o resto do Estado, que é dun 1,2%”, explícase no informe, salientándose o medre rexistrado na proporción de mulleres especialistas TIC nas empresas galegas: “O 55,4% das empresas galegas de 10 ou máis persoas empregadas que contan con perfís TIC emprega mulleres para estes postos, o que supón un crecemento relativo do 5,9%”, sinálase. No caso das microempresas, a contratación de mulleres especialistas TIC acada o 47% fronte ao 41,7% do ano 2021, rexistrando un incremento do 12,7% e máis do 100% en dous anos.
Respecto da ciberseguridade, o 52% das microempresas utiliza algún tipo de sistema de protección e, nas grandes empresas, supérase o 88%.
No que atinxe á presenza en Internet, en 2022 un 79,5% das empresas galegas de 10 ou máis persoas empregados tiñan web propia fronte ao 77,9% da media estatal. No caso das microempresas a porcentaxe sitúase no 31%, en valores similares á media estatal (31,8%).
Polo que respecta ao uso de redes sociais estas estabilízase, cambiando a tendencia ascendente dos anos anteriores e situándose nun 36,5% nas empresas de 0 a 9 traballadores e nun 61,2% nas empresas de 10 ou máis traballadores.
No eido do ecommerce, as cifras de vendas por esta vía mantéñense en porcentaxes moi similares ás do ano anterior. O cambio máis destacable é o aumento nun 36% de microempresas que venden por internet.
En termos de conectividade, no informe dise que “ao igual que se ven observando nos últimos anos, a contratación da Internet no 2022 acada a práctica totalidade das empresas de 10 ou máis persoas empregadas e nas microempresas, sitúase no 80,3%”.
Respecto á velocidade contratada, as empresas de 10 ou máis traballadores con conexións de 100Mbs ou máis sitúase no 71% e as micorempresas acadan o 57,7%.
Oinforme recolle o gasto total en TIC das empresas galegas durante o 2022 que superou os 373 millóns de euros. As microempresas destinaron o seu maior orzamento TIC ao gasto en software estándar ou a medida e bens ou servizos TIC mentres o gasto principal das pemes e grandes empresas foi o gasto en servizos e consultas tecnolóxicas.

PUBLICIDADE