As prisións galegas acollerán formación en software libre grazas a voluntarios dixitais

luns, 15 de xullo do 2013 Redacción

Imaxe dunha xornada de difusión do software libre organizada por MeLiSA en Melide

A Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLiSA), no marco no Programa de Voluntariado Dixital, pon en marcha o proxecto Tecnoloxía e software libre en centros penitenciarios galegos, que botou a andar nos últimos días no Centro Penitenciario de Monterroso (Lugo) e que tras o verán estenderase aos 7 centros penitenciarios de Galicia buscando a promoción da inserción laboral dos reclusos á saída de prisión, ofrecendo aos asistentes formación práctica no ámbito das TIC e o eido do software libre. A primeira aplicación práctica desta actividade formativa será de reparación de equipamento informático, que pasará a formar parte dunha nova aula informática con software libre da prisión de Monterroso.
O programa formativo estrutúrase en 3 obradoiros tecnolóxicos, que permitirán que os internos das cadeas galegas adquiran coñecementos básicos para poder identificar os compoñentes dun ordenador, instalar e configurar un sistema operativo libre. Estes obradoiros desenvólvense durante 3 días, e os seus asistentes seleccionaranse entre un número reducido de presos en cada centro de acordo coa súa formación, intereses, preparación e aptitudes, en colaboración coa dirección de cada centro.