As profesionais da ciberseguridade avogan por fomentar vocacións TIC dende a nenez

mércores, 9 de marzo do 2022 S. P.

Este 8 de marzo, Día de Internacional da Muller, o Campus de Vigo acolleu unha xornada destinada a diagnosticar a presenza feminina no ámbito TIC galego e a pór o foco nas moitas e variadas materias pendentes que aínda teñen as tecnoloxías (concretamente o ámbito da protección dixital) en materia de igualdade. Segundo se fixo saber na Xornada Mulleres e Ciberseguridade, só o 18% das persoas tituladas no ámbito da salvagarda de sistemas, ferramentas, canles e información son mulleres. As participantes coincidiron na necesidade de “actuar dende a nenez para desterrar estereotipos e fomentar vocacións”.
A xornada veu da man de Ana Fernández Vilas, directora do Mestrado Interuniversitario en Ciberseguridade (Munics) e polo profesor do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática e coordinador do título propio de Especialista en Ciberseguridade Industrial, José Ignacio Armesto. Na actividade catro expertas nest eido falaron sobre as súas motivacións e experiencias ao longo do seu percorrido profesional e analizaron as causas desta fenda de xénero e as posíbeis solucións.
O acto de apertura, que se celebrou no edificio Miralles, contou coa presenza do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e da directora de AMTEGA, Mar Pereira. Con parte tanto das relatoras como do público de xeito presencial e parte en modalidade virtual, o evento contou coa participación de Sara García Bécares, responsábel do Diagnóstico de Talento en Ciberseguridade do INCIBE, Instituto Nacional de Ciberseguridade; Esther Mateo, directora xeral de Seguridade, Procesos e Sistemas Corporativos de ADIF; Belén Pérez, CISO de Grupo Nueva Pescanova, e egresada da Universidade de Coruña e Susana Rey, da oficina DPO de Grupo MasMovil, no que se integra a operadora de orixe galega R. A encargada de moderar o debate foi a devandita Ana Fernández, que explicou que estas catro mulleres “proceden de carreiras de perfís moi dispares, pero todas acabaron dedicándose á ciberseguridade, o que reflicte o carácter multidisciplinar, transversal e multisectorial desta profesión.
O reitor felicitou ás persoas organizadoras por un evento “extraordinariamente interesante” que permite analizar “o déficit de igualdade nas carreiras STEM”. Pola súa banda, a directora de AMTEGA sinalou que “ante unha revolución dixital como a que estamos a vivir, é unha obriga da sociedade que as mulleres xoguen un papel activo en igualdade de condicións e que acheguen o seu talento” para construír “un contexto dixital seguro e confiábel para as persoas e para as empresas”. Mar Pereira lembrou que no sector TIC europeo “só tres de cada dez persoas son mulleres e, en España, isto redúcese á metade” e “isto é unha perda de talento para esta revolución tecnolóxica que temos por diante”.
Na súa intervención, Sara García explicou que non existe unha falta de mulleres na ciberseguridade, senón que é unha carencia, en xeral, de profesionais. “Agora mesmo farían falta preto de 25.000 profesionais en España e esas cifras van seguir crecendo porque non somos quen de formar tantos profesionais”, pero nestas titulacións tecnolóxicas as mulleres son minoría. As cifras son claras, dixo, xa que “só o 18% das persoas tituladas en ciberseguridade son mulleres, pero se atendemos a perfís mixtos, como dereito e ciberseguridade, esa proporción increméntase ata case o 50%, polo que vemos que as mulleres están aí pero non lles chaman suficientemente as titulacións estritamente técnicas”.
Sobre as causas desta desigualdade, as catro expertas coinciden en que son múltiples e diversas: unha educación sen referentes femininas, o descoñecemento sobre as oportunidades laborais, os estereotipos sobre a profesión e o mundo hacker, medo a enfrontarse a un sector masculinizado...
As catro participantes no debate coincidiron en que o punto de inflexión para mudar esta situación está na nenez, polo que “cómpre traballar nos colexios, nas familias... na universidade é xa tarde para xerar vocacións”. Para isto, varias das participantes traballan en programas de mentorización, como o InspiraSteam da UVigo, para tratar de descubrir estas profesións entre as máis cativas. “As nenas non poden elixir algo que non coñecen, e existe un gran descoñecemento desta profesión e moitos estereotipos arredor dela”, explicaba Belén Pérez.
Tamén incidiron en desmitificar a dificultade das enxeñarías. “Temos que amosar ás nenas que son tan capaces como os demais”, dixo Pérez, ao que Esther Mateo engadía que “as mulleres facemos cousas máis difíciles, como ser nais, pero ninguén se propón non selo porque sexa difícil. Pero esa mensaxe ten que dala a sociedade, as mulleres afrontan retos complicadísimos que asumen con naturalidade, pero ás enxeñarías púxoselles unha etiqueta que cómpre eliminar”.
Pola súa banda, Susana Rey, experta en ciberseguridade e membro da Oficina de Protección de Datos de R, incidiu na necesidade de incluír a capacitación dixital como un contido transversal na educación xa dende a Educación Primaria, e sobre todo en Secundaria. “Nun contexto cada vez máis dixital, tanto nos ámbitos privados como profesionais, os nosos mozos non están recibindo suficiente formación para ser cidadáns dixitais responsábeis. É imprescindíbel que isto cambie e que se inclúan nesa formación coñecementos sobre ciberseguridade”, explicou Susana, engadindo que do se trata é de que “os chamados nativos dixitais coñezan os riscos asociados ao uso das novas tecnoloxías, e de pór as medidas para evitar eses perigos”, continuou.
Para Susana Rey, “só así podemos aspirar a unha sociedade máis cibersegura e poderá tamén aumentar o número de mozas que decidan orientar a súa carreira profesional cara á ciberseguridade. “Porque non se pode manifestar vocación profesional de ningún tipo cara aquilo que se descoñece”, argumentou a experta de R.

PUBLICIDADE